IES Miguel Ángel González Estévez

Gústame a costume de dignificar as lembranzas de persoas que deixaron pegada, poñendo o seu nome a rúas, institucións, edificios, infraestruturas, asociacións ou ata nomes de equipos deportivos. Seguro que ten algún problema, como o feito de que destacar a uns deixa en segundo plano a outras persoas, ou incluso que será moi difícil atopar nomes que recollan todo o consenso e todos os aplausos.


Mais, en todo caso, permite prolongar a boa lembranza de persoas que entregaron parte da súa vida á adicación polos demáis. Gústame saber que Vilagarcía referencia a Moreira Casal, o médico dos pobres, ou que non esquecemos a escritores e artistas de renombre aínda que nos falta algún como Pepe Rubianes. Sinto unha especial emoción cando explico que a rúa Adolfo Pedrido está na zona onde el mismo visionou a futura cidade deportiva de Vilagarcía cando todo era campo, e permíteche ir camiñando á piscina Celestino Brianes, quen tanto deu polo deporte náutico (e o non náutico tamén), fusionando o que no seu día foi unha rutilante amizade.


Eu non coñecín apenas a Miguel Ángel González Estévez, pois de adolescente un non repara en certas cousas e non fun alumno do instituto de Carril. Pero coñecín a moita xente que o tratou. Alumnado, compañeiros de traballo, amizades e varios rivais políticos (que non inimigos). Resulta moi complicado non atopar en toda esa xente verbas de agarimo e de lembranza dunha persoa boa, no máis pleno sentido da palabra. Existen nas vilas e pobos persoas que calan e deixan pegada, Miguel Ángel foi un deles ao visto pola lembranza tan humana da súa figura. Vilagarcía tería sido mellor se Miguel Ángel tivese desfrutado máis tempo dela, non me cabe dúbida.


É por iso que resulta difícil a explicación do cambio de nome do IES de Carril, que con afecto e honra levaba o seu nome. Compréndense as vontades de desenvolver proxectos novos e de reivindicar novos espazos.


Compréndese, tamén, a vontade de corrixir erros históricos, como foron os nomes de Calvo Sotelo, José Antonio Primo de Rivera ou Francisco Franco a institucións educativas en Vilagarcía (que ironía!).


Incluso sería explicable un novo recoñecemento a outras persoas, logros ou acontecementos que o tempo amosase como fundamentais e merecedores dun sinal de tal valor.


E seguro que, de ser así, habería maneiras de destacar uns nomes ou feitos sen desmerecer a outros que tamén deban sinalarse. Pero non parece ser así o ocorrido en Carril e, por tanto, é normal a confusión. Será posible quitar algún cartel, pero confío en que sexa posible seguir contando quen era Miguel Ángel González Estévez. Eu agradezo moito ter aprendido quen foi.

IES Miguel Ángel González Estévez

Te puede interesar