Lectura infinita

Velaí vén unha nova conmemoración doutro Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, nesta ocasión e coa venia da pandemia sanitaria da Covid-19, novamente na súa data do 23 de Abril. Alusión, para xustificar este día de festa e promoción dos libros, á memoria da morte, nesa data, de Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega; e do nacemento de Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo; aínda que todos eses datos deben ser tomados como válidos dende a boa fe xa que no que atinxe á coincidencia de calendarios históricos a cousa ten o seu aquel discutible. Certo é que con todas esas referencias a ilustres nomes da literatura universal, e moitos máis que non caben no presente relato, a Conferencia Xeral da UNESCO, en 1995, tivo fácil a escolla da data para simbolizar e render unha homenaxe mundial aos libros e aos autores.

O antecedente desta conmemoración, reivindicativa á par que festiva, está nunha proposta, á porta xa do seu centenario, na que o escritor Vicente Caravel presentou na Cámara Oficial do Libro de Barcelona, en 1923, unha iniciativa para dedicar un día á promoción do libro cousa que logrou tres anos máis tarde por decreto real aprobando que tal efeméride se celebrase cada 7 de outubro, suposta data de nacemento do autor de O Quixote. O mal tempo habitual na entrada dos outonos aconsellou trasladala ao 23 de Abril, e resultou ser o momento idóneo por ser a primavera un clima máis propicio para organizar actividade ao aire libre. Suma ademais o efecto lúdico do Sant Jordi en Catalunya, comunidade na que se foi creando o costume de agasallar un libro cunha rosa. Co paso dos anos a Unión Internacional de Editores viu na consolidación ibérica desta celebración, unha moi boa ocasión para convencer á UNESCO de internacionalizala como unha forma de fomentar a lectura, recoñecer a figura do autor e procurar o fortalecemento da industria editorial nos distintos territorios lingüísticos, ocasión para planificar a publicación de novidades e a organización de actos coa firmas de exemplares cos autores. Así até os nosos días, e para futuro.

Para iso, baixo o lema “Lectura infinita”, un plan estratéxico estruturado de fomento da lectura, no ámbito estatal, propón aproveitar as populares canles de comunicación e as novas oportunidades de creación colectivas que brinda o vivo entorno dixital e cultural, especialmente as redes sociais de relación no mundo de internet, para lograr que a lectura rompa todas as fendas estruturais que bloquean o seu potencial e se converta nun hábito social real. Folla de ruta dirixida ás familias, escolas e docentes, universidade, bibliotecas e arquivos, escritores, tradutores, ilustradores, editorial, imprentas, librerías, e aos poderes públicos, entre outros moitos axentes implicados na lectura, para incrementar o número de lectores e a difusión e venta dos libros. Desafíos para unha época de transformación tecnolóxica e cultural na que se albisca un cambio de paradigma no concepto de lectura e, por tanto, tamén nos hábitos sociais relacionados con ela.


Lectura infinita

Te puede interesar