Manual de instrucións caducado

Volvemos a vivir épocas complexas de contaxios, que non tanto de hospitalizacións e gravidade das afeccións, cando levamos case dous anos de pandemia. Son dous anos nos que vivimos tantas cousas e aprendemos tantas cousas que deunos tempo, incluso, ata a desaprender e volver a cometer os mesmos erros. Porque aquelo de tropezar dúas veces na mesma pedra parece quedarse curto.


Hoxe vacinámonos case todos. Faltan só os que aprenden máis tarde e os que non puideron antes. Tamén pasou que o virus mutou, obrigado. Incluso o coñecemento avanza e tamén combate ás novas variantes. Sabemos, ademais, que a preocupación está nos interiores e non fora. Todo cambia, todo avanza.


Todo? Non. Cambia todo menos o manual de instrucións de como combater a pandemia. E así escoitamos nestes días propostas para volver ás restricións e confinamentos, máscaras no exterior e outras lindezas. Traducido á realidade: a solución era vacinarse, pero agora todos os que se vacinaron van ter que volver a cumprir as normas, mentres os que non as cumpren (absoluta minoría pero que nos afecta a todos) van ter as mesmas obrigacións que xa tiñan cando non as asumían. Polo camiño, negocios pechados de novo e economías familiares ao traste. Delirante.


Aquelo que dicíamos aprender, e que semella que hai que volver a entender, é que a maneira de combater o virus é reforzar a sanidade pública, especificamente a atención primaria. Controlar o impacto sobre o sistema sanitario resólvese con máis rastrexadores e máis persoal sanitario (e mellores condicións laborais). Non entanto reducir de 10 a 8 persoas unha xuntanza nun restaurante ou cervexería, criminalizando á hostelería ou á mocidade, é esquecer que 10 persoas vacinadas (certificado Covid mediante) son menos problemáticas para a expansión e gravidade que 3 sen vacinar. É necesario, por tanto, modificar a maneira de afrontar as decisións, e deixar o manual de 2020 porque imos entrar no 2022.

Manual de instrucións caducado

Te puede interesar