Os marcos demográficos

A ciencia que estuda por medio de estatísticas os diferentes aspectos das colectividades humanas, iso que coñecemos por demografía, está amosando datos e tendencias do comportamento humano e social que van por camiños opostos. Por unha beira, a do mundo occidental que acumula boa parte da riqueza económica, desenvolvemento tecnolóxico e industrial ou estándares aceptábeis de benestar social, camiñamos por iso que coñecemos por “inverno demográfico”, expresión un tanto apocalíptica para crear unha metáfora coa que denominar a hipótese dunha “diminución extrema da poboación”, segundo a cal a taxa de natalidade, lonxe de igualarse á taxa de mortalidade ao final da transición demográfica, seguiría descendendo de maneira rápida incidindo no envellecemento das poboacións e o decrecemento demográfico se non se produce inmigración doutros territorios.


Velaí, neste verán meteorolóxico, as cifras que veñen de coñecerse polo datos fornecidos pola estatística oficial cos que comparar a evolución de nacementos diarios no ámbito xeográfico galego que diminuíron ata os 38 diarios cando eran de 177 aló polo ano 1945, en datos medios do primeiro semestre anual. Certamente, á baixa taxa de natalidade compénsalle o alongamento da vida media.


Ao panorama antes descrito para o mundo de aquí próximo, oponse a mensaxe de alerta que vén do informe da ONU fixando para este pasado 15 de agosto o nacemento do habitante oito mil millóns no planeta Terra, un fito para a humanidade e un grave problema de supervivencia para un universo pequeno e finito que está ao bordo da súa capacidade de supervivencia, recursos e alimentos. Máis aínda coa previsión de que a poboación podería aumentar a 8500 millóns en 2030, á volta da esquina; e a 9700 millón arredor do ano 2050, ben próximo; ou aos 10400 no máis distante 2100.


Para alén de modificacións da conduta que vai relacionada cos tempos actuais e os valores de familia evolucionados socialmente, a causa máis importante da baixísima natalidade é a situación de inseguridade laboral, cando non a lacra do desemprego, os baixos salarios e a precaria situación do mercado de traballo que xoga á contra do necesario e imprescindíbel estado de confianza no futuro, para que no ámbito das parellas conxugais poda abordarse a responsabilidade que implica o ter descendencia. As escasas e nada eficientes medidas adoptadas polas políticas dos gobernos, pouco o nada palían esta tendencia. Asunto que non amosa cambio alén da propaganda oficial da recuperación económica e da mellora no emprego. É o noso marco limitador á taxa da natalidade.

Os marcos demográficos

Te puede interesar