Marrocos constitucionalista

Xusto cando en España celebrábamos o día da Constitución fomos eliminados do Mundial de fútbol por Marrocos, nunha conxunción astral de afrontas contra o patriotismo mal entendido. Case coma se non houbera nada tan español como que nos eliminaran dun mundial sen tirar a portería, culpando ao árbitro e cando moitos pensaban que xa eramos medio finalistas, ven o noso veciño do sur e elimínanos. Marrocos, o país sobre o que unha certa parte de xente mira como quen ve ao primo lonxano que non é tan guapo, tan intelixente nin tan válido coma nós.  E vai resultar que nos gaña sendo máis intelixente, máis válido e máis guapo. Non me digan que non hai un pouco de xustiza poética en todo iso.
 

Debía figurar na Constitución o dereito a protestar ao árbitro cando algo sae mal. En realidade algo así debe estar, porque neste país ninguén asume culpa de nada e todo o mal fíxoo sempre outro. E, total, para o respecto que algúns lle teñen á Constitución, tampouco sirve de tanto sentirse culpable. 
 

Non foi menor tampouco o arrebato moralista dos que estaban como tolos desexando que a comunidade marroquí en España rebentase as rúas en celebración, ou amosasen a súa suposta rabia contida contra este país que os acolle (como debe ser). Parece que hai moito señorito crendo que todos os demais son tan bravucóns coma eles, e que seguramente estarían agardando ao final do partido que contaban gañar por goleada para lanzar soflamas patrias.
 

Así que pasou o día e así seguimos, laiándonos por quedar eliminados unha vez máis (que salvo excepcións ben desfrutadas pois ven sendo o habitual), vendo como se celebra a Constitución e apelan ao seu espírito de consenso os que a pisotean todos os días para asegurarse xuíces “da casa”, vendo que hai algúns enrabietados porque Marrocos fixo perfecto ata a celebración e repensando que igual non somos o centro do mundo nin fai falta crerse perfectos. Tamén buscando outro seleccionador ao que botarlle as culpas despois, que para iso están. 
 

Se cadra é moito mellor ser conscientes dos nosos problemas, e tamén das nosas fortalezas. Así poderemos empezar a poñernos serios fronte aos que desexan un país que eles chaman distinto pero que sen dúbida é peor. Aí aínda estamos a tempo de ser intelixentes. Ese é o partido que importa.

Marrocos constitucionalista

Te puede interesar