O mercado de fichaxes cos médicos

Durante anos, e non foron poucos, neste país os gobernantes recortaban e recortaban en servizos públicos e dicían que se chamaba austeridade. Agora, despois de que a metade dos ministros que recortaban acabaran nos xulgados por corrupción e algún deles no cárcere, estamos pagando as consecuencias. Por exemplo en que temos menos médicos dos que necesitamos, porque formamos as menos dos que podíamos e porque laboralmente o SERGAS convertiuse na peor ETT de Galicia.


E faltando médicos podíanse atopar varias solucións, como contratar profesionais doutras categorías (máis fisioterapeutas, máis enfermería, sumar podólogos, matronas…) pero resulta que o único relevante é conseguir titulares chamativos… e os centros de saúde que se apañen. Ata que chegamos ao de agora que é, como popularizaron moitos médicos de primaria que protestaron, “xestionar a miseria”.


Diante desta situación atopamos a última ocurrencia, na que o goberno que debería planificar os recursos en función das necesidades sanitarias e da poboación, asina un convenio cun concello no que se premia con pisos vacacionais aos médicos que vaian a ese concello. Unha tolemia. Este afán de convertir o problema de falta de profesionais no mercadeo de fichaxes acabaría derivando en poñer coches a disposición, cenas pagadas, viaxes regalados e, por suposto, a que volvesen as botellas de viño e os xamóns na porta para conseguir roubarlle ao concello do lado o seu dereito a un médico. Serán os concellos os que teñan que pelexar entre si usando os seus recursos para contratar médicos? Sería a guinda que o goberno desta Galicia, se é que hai alguén á fronte, acabase por convertirse nun trapicheiro de apostas mentres no escenario os concellos intentan resolverlle o problema enfrontándose entre sí.


Acabouse a planificación, terminouse a idea de pensar en global, esquézanse de pensar que alguén está dirixindo un país pensando no beneficio común. Esta nova Xunta declarou o “sálvese quen poida” para que os concellos que actúan como novos ricos rouben dereitos aos demais. Demencial.

O mercado de fichaxes cos médicos

Te puede interesar