Unha das boas solucións para mellorar a calidade de vida nas cidades é substituír instalacións, autorizadas no pasado porén que hoxe non contarían con esa licenza, por espazos públicos que favorezan a convivencia e a mobilidade. Neste sentido, unha gasolineira instalada en pleno centro urbano, nun cruce de cinco rúas, supón un obstáculo para o desenvolvemento dunha cidade máis humana e sostible. A vantaxe de mudar ese local permitiría humanizar o entorno como lugar de encontro e de lecer para a cidadanía.
Ademais, contribuiría a crear un ambiente máis acolledor e agradable a favor da veciñanza. Á súa vez, unha praza ofrece oportunidades de lecer e de descanso para as persoas que viven ou traballan na zona. A iso, sumaríase a capacidade de ordenar o tráfico: unha gasolineira nun cruce de cinco rúas xera problemas de circulación e de seguridade viaria. Unha praza permite reordenar o tráfico e facilitar os desprazamentos tanto en vehículos como en transporte público ou en bicicleta. Unha praza tamén reduce os niveis de contaminación acústica e atmosférica, que afectan á saúde das persoas e á natureza.
Por iso, sen afectar aos dereitos que amparan á propiedade do negocio, a intervención da que se anuncia como “humanización” da estrada N-640, entre a rotonda de Godos e a praza da Constitución, malia ser responsabilidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axencia Urbana (necesario paso previo ao traspaso da titularidade ao Concello) é inmellorábel ocasión para situar na xestión municipal un reto que semella tabú: Procurar unha solución consensuada coa propietaria para liberar o espazo que permita substituír a gasolineira de San Roque por unha praza pública. É o meu compromiso electoral.