Mexilla: Actuar ou lavarse a cara

No ano 2019 a Xunta promoveu o decreto que abría a caixa de Pandora do conflito da mexilla. No ano 2020 estoupou o problema provocado por un goberno galego que rompeu 60 anos de convivencia entre percebeiros e bateeiros que, con moito máis acerto que tensión, ían resolvendo as diferenzas. A partir de entón o problema está nas rochas, nos portos, nas rúas e tamén nas institucións, onde dende primeiros instantes algún intentamos ofrecer solucións, propostas e alternativas, pulando por unha solución xusta e dialogada, que tivese en conta que percebe e mexillón son símbolos dunha Galicia costeira que non poden ser menoscabados.

 

Dende aquela pasou case de todo. O goberno involucrou ás confrarías, ás que forzou a tomar parte nun conflito que, como é normal, nunca viron como positivo. Tratou, incluso, de enganar con falsos acordos e supostas solucións que foron apaños impostos e obrigados. Foi o mesmo goberno que se viu obrigado a cesar a membros da propia Consellería que apostaban por dialogar e que defendían o consenso, impoñendo mando militar en praza. Todo isto co rexeitamento de solucións alternativas en todas e cada unha das votacións sucesivas dun Partido Popular que defendeu, a capa e espada, ao seu goberno e a unha Conselleira que asume ter a verdade absoluta sempre na man pero que actúa con formas pouco elegantes.

 

Van 3 anos dende entón. Esta comarca si que viu xa ao inicio, non a 2 meses das eleccións, como varios alcaldes estiveron dende o inicio defendendo aos seus veciños e veciñas. Viu como os socialistas nos reunimos e defendimos no Parlamento ante o goberno galego unha solución ao conflito. Observou tamén como o propio secretario xeral dos socialistas galegos estivo a un e outro lado da ría sentado con bateeiros, estivo con percebeiros e tamén con cofrarías para ofrecerse como mediador, para buscar solucións. Permítanme a primeira persoa de dicir que sei que todo foi exactamente así porque estiven aí dende o primeiro día. Vemos, agora, que os candidatos do PP ás eleccións locais en Arousa afirman dar todo o seu apoio. A 2 meses das eleccións municipais. Apoio, din. Que, polo visto, é unha palabra gratis e que perde o seu significado cando se usa tan indignamente.

 

Os que estamos na política activa temos as nosas responsabilidades. Temos o voto e temos a xestión, tanto nas institucións coma na nosa propia organización. Os que pasaron anos intentando facer que non pasaba nada, os que nunca estiveron nunha concentración ou nunha xuntanza, os que sempre permitiron aos seus deputados (tamén de Arousa ou do Barbanza) votar defendendo un decreto que atacaba a un sector...que traballen. Que condicionen e obriguen aos seus compañeiros, gobernantes hoxe en Galicia, a que cambien as decisións ou releven aos responsables. Que arrisquen as súas cómodas posicións fronte aos seus se de verdade defenden aos seus veciños. De non facer así quedará claro que, ademais de atacar aos bateeiros, pretenden usalos para lavarse a cara. 

Mexilla: Actuar ou lavarse a cara

Te puede interesar