Mexilla: ata que pase algo

|

Catro mariñeiros acabaron estes días tendo que saltar ao mar, e vendo a súa lancha meterse entres as pedras ariscas e duras. A pericia e o coñecemento do mar impediu que a cousa foise a peor, pero andivo rondándolle unha desgracia. Foron bateeiros presionados pola tensión que están vivindo intentando recoller da costa a mexilla, a cría que permite ter tempo despois os mellores mexillóns do mundo aquí, na nosa ría. Para elo estes homes arriscaron todo.


A administración, concretamente a Consellería do Mar, está a impedir que os bateeiros recollan a cría que necesiten. Parece dar igual que a normativa de a razón á xente do mar, porque unha simple norma publicada poucas horas de que empezase a campaña impídelles ir a moitos dos lugares onde se pode coller. E que mas da a norma cando o poder decide perseguirte?


Existe un conflito, si. Bateeiros e percebeiros queren traballar nos mesmos puntos, e defenden o que consideran o seu dereito. Pero a normativa é clara, e a mexilla débese poder recoller. Que ocorre si quen dirixe (ou parece dirixir) quere cambiar a norma? Pois que debe facelo en consenso, sen impoñer e sen aires dictatoriais. E se non hai consenso, parece difícil convencer de que a medida é boa.


O problema está en que vulnerar a norma, botar ás forzas de seguridade enriba dos mariñeiros e provocar ao sector leva a situacións excepcionais. Así o sector desesperouse de intentar dialogar, e así o noso Mexillón non poderá ter desta volta recoñecementos internacionais porque existe un boicot ao que ninguén pon freo.


A xente do mar quere traballar, e quere que se cumpla a norma. Os bateeiros queren recoller mexilla. E teñen dereito. Negarlle o dereito por aires divinos parece unha estratexia para que alguén, pronto, se beneficie de que a mexilla se venda por caixas sacándolle bo diñeiro ao asunto. E mentres chega eso a deixadez intencionada fai que cousa se agrave cada vez máis enfrontando a traballadores entre si. Ata que pase algo.

Mexilla: ata que pase algo