Mexilla: volver á casiña de saída

É necesario parar xa. A espiral na que o conflito da mexilla está neste momento é inasumible. Van 3 anos dunha Consellería que entrou a machete para rebentar unha convivencia que, a pesares das dificultades e dos problemas que houbese, ía funcionando e resolvendo. 


Non hai sector afectado que non estea profundamente enfadado coa Consellería, que xa parece ter abandonado calquera sensatez e que xa non é quen de coller a situación polos cornos e afrontala. Bateeiros, confrarías, percebeiros, depuradoras, conserveiras, distribuidores...todos afectados e todos preocupados. Dende a Consellería do Mar un día fálase de abrir zonas, outro de pechalas, outro día de que na seguinte marea xa se verá, e outro que se vai quedar todo igual. Un día acúsase a uns de non negociar e ao día seguinte rexéitanse todas as propostas de solución que chegan.


Para máis problema, o goberno da Xunta parapétase agora tras os muros de San Caetano observando desde a ventá. Parece incluso que desfrutaran de que a xente que non sabe que pasará co seu medio de vida vivan a angustia e a impaciencia para, aínda por riba, acabar recibindo inxustas e desproporcionadas cargas policiais que poderían ter sido evitadas.


É necesario volver á casiña de saída. É a solución viable. Precísase devolver todo á situación de 2019, antes do tristemente famoso decreto que todo o cambiou. Debemos, entre todos, seguir facendo que a nosa costa sexa igual ou máis produtiva do que o viña sendo. Percebe e mexillón son bens de incalculable valor, e todos quen os traballan merecen todo o esforzo. Hai que devolver a normativa atrás, sentarse e falar de control, de visitar as rochas todos xuntos, de que dunha vez por todas existan datos actuais transparentes (e non informes de hai 10 ou 20 anos que non se queren compartir), de que sexan recollidos por técnicos da propia Xunta de Galicia (que non foi así ata o de agora) e, sobre todo, é tempo de que as decisións se tomen en conxunto. Todos os implicados ofrecen ideas, que salvan os supostos problemas. Todos deben ver protexido o seu recurso. Foi posible ata hai ben pouco, e debe seguir séndoo. Sería o que debería facer un goberno sensato que quixera resolver o conflito. O problema está en que non parece ser a vontade desta Consellería, e que o Presidente Alfonso Rueda non ten a personalidade para implicarse no asunto. E así, todos eles mirando e os traballadores do mar perdendo.

Mexilla: volver á casiña de saída

Te puede interesar