Nada é para sempre

Cada época impón cadeas invisibles a quen a vive. A única oportunidade que nos queda é bailar entre as nosas cadeas. Certo, cada época ten a súa maneira de vivir e de interpretar o que está a pasar. Velaquí sendas citas sen autor que resultan do máis acaído a iso que nos medios de comunicación e nos parladoiros radiofónicos veñen en chamar a grande dimisión ou renuncia; e dicir, a manifestación das e dos traballadores fronte á dinámica laboral de precariedade, baixos salarios, abuso na extensión da xornada de traballo e niveis de desemprego na que o Estado español ocupa primeira praza no podio europeo. A gota desborda o vaso. Ata aquí chegamos.


Constatación dun cambio de paradigma, aquí e acolá do alén mar atlántico, que se puxo de manifesto nas reflexións do foro “O futuro do traballo e o traballo do futuro”, énfase do informe “Emprego e mocidade 2022” que optan pola fórmula que vén de anunciar o goberno portugués de apostar por “novos modelos de organización do traballo, incluída a semana laboral de catro días e outras fórmulas híbridas de traballo presencial e a distancia, como forma de promover unha maior conciliación entre o traballo e a vida persoal e familiar” porque, diante dunha situación que non pode ir a peor, a xente nova perdeu o medo a non ter total seguridade no emprego e pon en primeiro termo o obxectivo de conseguir unhas condicións laborais dignas, por trato e carreira profesional.


Aínda así, non é real esa gran dimisión, por máis que fiquen milleiros de postos de traballo ofertados sen cobertura. Aquí non se ve tanto a gran renuncia como a gran rotación; iso é, irse dun traballo a outro, sobre todo entre a mocidade, que cada vez poñen máis arriba na lista de prioridades a flexibilidade.


Todo iso nun mundo cambiante, fronte a un futuro incerto no que tras décadas esperando o alzamento da robótica, o que finalmente temos son algoritmos invisibles que se están quedando con cada vez máis tarefas mentres os empregos humanos que quedan están a adquirir un compoñente cada vez máis dixital. Fenómeno triangular con tres lados que non se corresponden entre si: o que buscan as empresas, o que queren as e os traballadores e a oferta formativa.


Porque esa é outra.


O ritmo dos cambios é cada vez máis rápido, polo que, se queremos lograr unha sociedade moderna e máis xusta con empregos dignos que logren situarnos á vangarda dos avances, urxe empezar a reformar todo o sistema educativo e laboral porque os seus modelos foron deseñados fai máis de cen anos e xa non responden ás demandas do mercado actual. Non, abofé.

Nada é para sempre

Te puede interesar