Non é un problema se non o convirtes nun problema

Primeiro, deixar clara a miña posición. Todo o que seña peatonalizar, humanizar, reducir o tráfico de vehículos e a súa velocidade é bo. Tanto é así que, desde moitos puntos de vista, o éxito do coche pode ser un dos peores acontecementos para a humanidade: centenares de quilos, consumo de combustible, organización do tráfico e vías públicas para mover os 80 quilos dunha persoa. É hora de superar a centralidade do vehículo privado. Pero non pode ser de calquera xeito. Como dicían en Aberto ao amencer: non é un problema se non o convirtes nun problema.


As cousas deben facerse con certa lóxica. En Vilagarcía parece que todo se fai ao revés. Por exemplo, antes de iniciar un plan de humanización, sería lóxico ter un plan de mobilidade, non? En Vilagarcía, pola contra, estamos humanizando pero o plan de mobilidade está sen redactar. Foi encargado en xullo e aínda no se sabe nada del, pero por se acaso o concello comezou a humanizar aínda que despois teña que desfacer todo o feito.


Esta maneira de non planificar conleva que cada actuación, inconexa e desestruturada, afecta a todo o concello. Vilagarcía está agochando debaixo da alfombra o tráfico. A humanización do centro tense convertido na deshumanización do rural. Centos de camiños rurais foron covertidos de facto en circunvalacións por falta de previsión. Para comprobalo non hai máis que circular por A Laxe, A Torre, Trabanca, Guillán, San José ou Vilaxoán e ver como reciben o tráfico que escapada do atasco permanente doi centro. Todas estas vías reconvertidas pola forza da falta de planificación non están preparadas para recibir ese tráfico e nin sequera teñen beirarrúas, co perigo obvio para os peóns.


Pasa outra tanta falta de planificación coa vía ciclista. A aposta pola bicicleta é correcta, incluso necesaria. Pero sen planificación pode converterse nun problema para o uso da bicicleta. A actual vía ciclista é perigosa, está mal deseñada e crea conflitos onde non había. Por isto, cómpre repensar un pouco Vilagarcía como conxunto urbano: unir con vías ciclistas con itinerarios reais de uso, por exemplo, entre Carril e Vilaxoán. Hai experiencias nas que a bici expulsou ao coche como vehículo principal, pero inmediatamente a bici supuxo a expulsión do peón, algo que só se pode evitar coa planificacións e a racionalización do espazos. Pero nin Alberto Varela nin Paola María Mochales son de planificar na cidade 

que gobernan.


Vilagarcía ten un enorme problema de tráfico. O goberno non parece ter nin coñecemento nin ganas de solucionalo.Cando se toma a decisión de reducir o tráfico de vehículos debes mellorar o transporte público porque o feito de reducir o tráfico non fai desaparecer a necesidade de transporte. Cantas novas liñas de autobús se fixeron? Cantos horarios se melloraron? Ningún.


Estamos diante dunha aposta correcta no teórico e deficiente na práctiva. A típica aposta para quedar ben nas entrevistas. Para que sexa real e eficaz, cómpre darlle a pausa, organizar, deseñar, tomar decisións pensadas no conxunto da cidade e fuxindo da propaganda política. Pero queda aínda unha última pregunta: que pinta en todo isto o concelleiro delegado de Tráfico? Todo o mundo di que existe pero ninguén o viu. Sucede algo semellante á policía local dirixindo o tráfico nos últimos meses. Din que si, que sucede. Non hai fotos. Misterios de Ravella.

Non é un problema se non o convirtes nun problema

Te puede interesar