Non foi o inverno, foi o abandono

Extra, extra!: “A limpeza extraordinaria de rúas chega a lugares de Cornazo, Faxilde e ao adro da Igrexa de Santa Baia”.

De tal modo titulaba o departamento de comunicación do Concello de Vilagarcía de Arousa —o “extra, extra!” soou na miña cabeza— a realización por parte do Concello dunha limpeza de rúas en distintos lugares de Vilagarcía. Algo tan pouco habitual que é noticia. Chámame a atención o adxectivo “extraordinaria” e penso nas persoas que viven nestas zonas e o seu dereito a desfrutar do seu entorno nunhas condicións mínimas de hixiene de maneira ordinaria. Atendendo ás fotos que acompañan ao comunicado do concello, é evidente que eses lugares non cumprían con esas condicións mínimas. Ao miralas pregúntome se é posible publicalas sen sentir vergoña ao saberse o principal responsable de semellante abandono. Pero entendo que non, posto que aí están, públicas para que todas poidamos ver o antes e o despois. E quizais esperaban algún aplauso.

De verdade a veciñanza de Vilagarcía ten que normalizar que ese sexa o estado habitual de moitas das nosas rúas? Debemos admitir a sucidade como a característica común das parroquias? Podemos aprobar a xestión dun goberno que descoida o fundamental, aquilo no que sustenta a nosa vida cotiá? Este goberno está tan obcecado cos seus grandes proxectos e con impoñer o seu modelo de cidade antes de que acabe o mandato, que obvia que o modelo de cidade da veciñanza é aquel que se desprega ante o seu día a día: As rúas polas que camiñamos, as estradas entre os nosos lugares de traballo e os nosos fogares, os parques ou as praias nas que pasamos o noso tempo de lecer. O noso modelo de cidade é tan simple como deixarse de inventivas e coidar o que xa está inventado.

Tamén di o comunicado propagandístico do goberno local que “os espazos nos que se actuou foron aqueles que por atoparse en zonas sombrías e con moita humidade soen ennegrecer no inverno debido á aparición de piolla e musgo que, ademais de afear, volven as superficies esvaradías para os peóns”. A tenor dito, quen non coñeza estas zonas pode pensar que semellante estado de negritude foi debido ás inclemencias meteorolóxicas adversas e, incluso, que este tipo de limpezas fanse de maneira periódica. Sen embargo, se lle preguntas á veciñanza de, por exemplo, Faxilde, contaranche que xa non recordan cando foi a última vez que se limparon esas escaleiras. Porque non se trata dun ano, nin de dous, nin de catro. O mesmo tempo que levan reivindicando esa limpeza a fondo, ata que, por fin, os nosos dirixentes se dignaron a atender a queixa lexítima da veciñanza.

A crúa realidade é que, un ano antes das eleccións municipais, o Concello intervén en zonas que, de maneira regular, parecen estar fora do seu interese, de aí o extraordinario de actuar sobre elas. Quizais as queixas constantes, as peticións por rexistro ou os discursos en redes acaban por causar efecto, a proximidade dos comicios municipais sempre é un acicate. Incluso, pode que ante a alegría de ver que por fin se realizan cousas tanto tempo demandadas, caiamos na imprudencia de esquecer os 7 anos previos de esquecemento. Para algo se activan os resortes da maquinaria da propaganda, para botarlle a culpa o inverno. Como se non fora o abandono do goberno local o que converte o ordinario en extraordinario, en noticia o que non o debera ser.


Non foi o inverno, foi o abandono

Te puede interesar