Patrimonio lingüístico europeo

Nacido da certeira visión popular, forxada en tempos moitas veces milenarios, un refrán é unha sentenza acoutada que se utiliza para poñer un exemplo, a xeito de metáfora didáctica, facer un chamamento á reflexión ou dar opinión retranqueira sobre algo para sen entendido e aplicado. Por iso, diante do dito “dime de que presumes e direiche de que careces” estamos ante unha expresión que indica, polo xeral, cando alguén alardea de algo é precisamente aquilo do que carece. Isto é porque se se salienta demasiado algunha característica ou virtude, probablemente sexa porque está a esaxerar algo que lle falta nalgunha medida. Extensíbel a persoa, entidade ou institución.


Velaí o conmemorado Día Europeo das Linguas, celebrado cada 26 de setembro, froito dunha iniciativa que arrancou co actual milenio da man da Comisión Europea e do Consello de Europa, formalmente representando a 700 millóns de cidadáns de 46 territorios estatais membros. Con esta efeméride proclámase a vontade de facer homenaxe á diversidade lingüística dun continente, o europeo, con máis de duascentas linguas propias, aínda que só 24 sexan oficiais na UE. Na proclama institucional apóstase por promover a pluralidade de linguas en todo o continente, coa base na convicción de que a diversidade lingüística é unha vía para acadar unha máis grande comprensión e convivencia intercultural e un elemento chave na riqueza do patrimonio cultural de carácter inmaterial da Europa. Do dito ao feito, vai un bo preito. Nada favorábel para a lingua galega.


Aquí, no ámbito galego, no entanto que a Secretaría xeral de Política Lingüística asegura que “aos europeos tocounos en sorte unha ampla diversidade lingüística que temos a obriga, pero tamén o orgullo e a vontade de protexer e de transmitir”, algo que “os galegos debemos facer falando e valorando o noso idioma propio e, ao mesmo tempo, abrindo a porta aos idiomas dos demais”; mírase de esguello; e dicir, para outro lado, diante da vulneración legal que representa a utilización perversa, con ampla difusión, do topónimo ilegal “La Toja”, por un Foro empresarial de lucro privado.


Complicidade, atropelo e insubmisión do deber de obrigado cumprimento para unha autoridade política que permanece impasíbel, mesmo diante da delegación do goberno español de prohibir a manifestación contra a deturpación do nome da Toxa nesta edición dun foro subvencionado e participado por voceiros públicos. Por iso, A Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade cultural de base que convoca á mobilización, pídelle a todos os representantes de institucións públicas que van participar neste evento, que insten a organización a empregaren a única forma lexítima e oficial do topónimo, rexeitando calquera presenza no foro encanto non garantiren o cumprimento da lexislación que ampara o uso da lingua galega. Por respecto e memoria. E por lei.


O idioma, é o mapa de ruta dunha cultura. Dinos de onde vén a súa xente e cara a onde vai. Certo.

Patrimonio lingüístico europeo

Te puede interesar