SOS na sanidade

Catástrofe, para os dicionarios lingüísticos, é gravísimo suceso no que se produce gran quebranto e moitas desgrazas con grave alteración do desenvolvemento normal das cousas. E, tamén, cousa mal feita, de mala calidade ou que produce mala impresión. Velaí a palabra xusta para cualificar a situación que se está a vivir na prestación sanitaria do Servizo Galego de Saúde na estrutura de xestión integrada da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, auténtica “zona cero” dunha desfeita que ten á veciñanza usuaria da prestación como vítimas e, na outra beira, ao interese mercantil privado como beneficiario dunha situación que vén de atrás, consecuencias das políticas sanitarias, e non fai máis que chover sobre mollado pola incompetencia na previsión e solución de problemas.


Constatación do antedito está nas noticias periodísticas dando conta de que “a atención sanitaria, especialmente en Primaria, sofre momentos de extrema gravidade, cunha inédita falta de médicos que deixou as salas de espera dos ambulatorios, como se puido ver onte mesmo no de San Roque, pero as colas no exterior con pacientes desesperados por unha cita, cheas e sometidos á inclemencias dunha calor insoportábel. Nos casos dos PAC, o de Vilagarcía volveu quedar o domingo 31 de xullo sen ningún facultativo, polo que os enfermos tiveron que trasladarse a Urxencias do Hospital do Salnés para ser atendidos”. Dito en boca dunha persoa que soportou esta situación: “A máquina de validar as citas non funciona, o enderezo para facer a chave 365, tampouco; a xente agarda unha hora á cola baixo o sol, a primeira e a segunda plantas do ambulatorio están desérticas porque non hai médicos. A xente ponse nerviosa, carga contra non ten responsabilidade algunha”, as profesionais e persoal da sanitario, vítimas laborais do caos.


A pandemia da Covid-19 fixo saber da importancia dos servizos públicos, especialmente dos sanitarios que non pode entenderse sen a súa base, a familiar. Emporiso, o que está a suceder coa Atención Primaria, e as súas consecuencias para a cidadanía e as profesionais, é un grave atentado da autoridade sanitaria galega que vai na liña das mesmas políticas de recortes e desmantelamento da sanidade pública seguido nos últimos anos. Xubilacións sen repoñer ou transformadas en contratacións en precario coa fuga de profesionais; minoración dos recursos, desmantelamento das estruturas directivas, ouvidos xordos á demanda de condicións dignas do seu persoal, xestión en base a titulares de prensa populistas e outras formas máis de desprezo e degradación dolosas.


Por iso, SOS Sanidade Pública, plataforma cívica que xunta ao colectivo das e dos traballadores sanitarios coa suma da representatividade dos sindicatos, grupos políticos, entidades sociais e mesmo persoas comprometidas na causa, no ámbito territorial de O Salnés, colle novos folgos para mobilizar á opinión pública na defensa de medidas que garantan o acceso da poboación á Atención Primaria, ás Urxencias e á hospitalaria, coa calidade universal á que se ten dereito. Exixencia xusta.

SOS na sanidade

Te puede interesar