Vencer á desigualdade nos espazos de poder político

ste ano desde a Deputación de Pontevedra poñemos o foco na paridade como reivindicación indispensable para conseguir a igualdade plena. Recoñecida en tratados internacionais, principio constitucional e dereito fundamental, a paridade non é outra cousa que a necesidade de que as mulleres, a metade da poboación, ocupemos os espazos e a representación que nos corresponde en todos os eidos: na política, na economía e na empresa, nos medios de comunicación, no saber, na ciencia ou na Universidade, e na creatividade e na cultura.

Para facer fronte aos importantes retos que este século nos ten posto por diante, precisamos do talento, a intelixencia emocional, a capacidade de traballo en equipo e a creatividade do conxunto da poboación, non só da metade masculina historicamente privilexiada. Unha sociedade democrática moderna e intelixente non pode permitirse desperdiciar as boas ideas do 50% da cidadanía. As mulleres queremos a metade de todo e iso inclúe inexorablemente os espazos de poder.

O 56,7% do persoal das administracións públicas son mulleres e esta porcentaxe ascende ata o 68% nas comunidades autónomas. Porén, a igualdade real está lonxe de acadarse. As mulleres son máis da metade do persoal, pero clara minoría entre as categorías máis altas de funcionarios e só un terzo dos postos de dirección están en mans femininas. As mulleres non ascenden en igualdade de condicións que os homes e chegou o momento de reclamar un cambio nos modelos de xestión e na cultura organizativa do conxunto de organismos públicos do Estado.

A participación de mulleres nos distintos ámbitos do poder político tense incrementado nos últimos anos e pode que contar cun dos Gobernos centrais con máis mulleres do mundo -14 fronte a nove homes- traslade á cidadanía a falsa impresión de que a igualdade é unha conquista feita. Cando non é así. A discriminación xa mencionada no conxunto do sector público ten reflexo tamén nas estruturas de poder político nos seus diferentes niveis territoriais.

En España hai 1.768 alcaldesas fronte a 6.363 rexedores que representan un 79% do total. Das 41 deputacións provinciais, só as de Pontevedra, Cádiz, Cáceres, Palencia, Tarragona e Barcelona teñen a unha muller na Presidencia, mentres 35 son gobernadas por homes. Na nosa provincia a realidade é que de 61 concellos que ten Pontevedra, só doce están dirixidos por alcaldesas.

A marxe de mellora é importante e non pensamos conformarmos. O masculino plural hai décadas que non nos representa na política, pero tampouco no mundo da empresa ou no sector da xustiza. As mulleres teñen mellores expedientes académicos, son maioría en sectores económicos decisivos como a sanidade, a educación e a investigación nos seus niveles inferiores, e é obriga das administracións públicas despexarlle o camiño para que de forma natural e por xustiza podan exercer o poder en igualdade de condicións que os homes.

Tamén entre o persoal ao servizo da xustiza en España atopamos mais mulleres que homes. Un 58% dos postos son femininos, polo que resulta inxustificable o teito de cristal que persiste e asfixia as aspiracións de centos e miles de mulleres. O poder xudicial está lonxe de ser igualitario. Nos órganos centrais a representatividade das mulleres baixa ao 29%. Dos doce postos do Tribunal Constitucional só dous foron ocupados de forma recente por mulleres. Na Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial hai unha única maxistrada e menos dun cuarto dos tribunais superiores teñen a unha muller ao fronte. Pode ser xusta unha xustiza carente de perspectiva de xénero? Eu creo que non.

Por iso desde a Deputación de Pontevedra este ano reclamamos paridade en todos os ámbitos económicos e sociais. As mulleres queremos ocupar os espazos de decisión e exercer o poder sen inxerencias. A desigualdade xamais está xustificada e debemos traballar en conxunto para erradicala das estruturas públicas de poder que son as que garanten os nosos dereitos e representan ao conxunto da cidadanía.


Vencer á desigualdade nos espazos de poder político

Te puede interesar