As axudas aos retornados danlles o último empurrón aos galegos no estranxeiro

As axudas aos retornados danlles o último empurrón aos galegos no estranxeiro
BEME entrega diplomas ANF ÁB 1 2 _18244373

“Compartir piso está moi ben, pero cando xa cumples uns anos queres o teu espazo e botas de menos o teu”. O resumo é de Sara Martínez Pallas, unha coruñesa que tras case oito anos vivindo e traballando no Reino Unido decidiu o ano pasado volver a Galicia, pero podería ser o de moitos mozos galegos que ao final da carreira ou dos seus estudos secundarios decidiron facer da coraxe a súa maleta e emigrar na busca de novos destinos. Moitos deles están agora regresando e, en moitos casos, fano grazas ás achegas económicas que a Xunta de Galicia está a dispoñer de cara a fomentar o regreso de galegos en idade laboral. 

Tanto Sara Martínez Pallas como Nuria Vivero Sedes –ferrolá de regreso de Francia– foron das que o pasado ano –e este– se están a beneficiar das chamadas Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) coas que a Secretaría Xeral da Emigración ofrece subvencións económicas para un cento de mozos de expedientes académicos brillantes, que poden volver a Galicia para cursar un mestrado nunha universidade galega. As axudas están destinadas a cubrir os gastos de matrícula dos estudos, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia, e van dende os 7.000 euros ata os 11.475 euros, segundo o número de créditos con que conte cada curso.

Toma de decisións
“Unha axuda así é moi importante porque se non hai este tipo de incentivos faise máis difícil tomar a decisión de volver”, comenta Nuria. No seu caso, a dificultade estaba en que, se marchou con destino a Burdeos para traballar como arquitecta de interiores despois de rematar a carreira de Deseño Industrial, na súa volta xa non era ela soa a que tomaba a decisión nin a que quedaba afectada por ela. Durante os tres anos que botou en terras galas non só casou cun home francés, senón que a parella tivo a súa primeira filla. “Unha vez que tes fillos pensas as cousas doutra maneira. Eu quería que a miña filla vivira a cultura da que eu veño e ademais está a axuda persoal que pode dar unha nai. Porque alí tiña a nai do meu home, pero a nai dunha, é outra cousa”, reflexiona Nuria, quen se agarrou á bolsa ofrecida pola Secretaría Xeral da Emigración como último empurrón para retornar ela e poñer rumbo a Galicia coa súa familia, onde agora está a cursar o Mestrado en Prevención de Riscos Laborais e Comúns no campus ferrolán da Universidade da Coruña.

Con compañía tamén volveu Sara Martínez Pallas do Reino Unido, a onde se trasladou hai case oito ano despois de rematar os seus estudos de Turismo. E se ela chegou ás illas británicas seguindo a súa parella –que era do Reino Unido e co que tiña unha relación, daquela, a distancia–, agora é a súa parella a que volve con ela. “Cando fun para alí sempre dixen que quería volver. E iso que estiven moitos anos alí e adapteime perfectamente, pero a terra tira”, comenta, para despois agradecer que a súa parella tamén estea encantado con Galicia e a súa adaptación estea a ser do mellor, xa que mesmo xa atopou un posto de traballo. 

“Nós sempre falabamos de volver, era o noso plan a longo prazo. De feito mesmo compramos unha casa en Galicia para poder vir de vacacións”, explica. E no medio desta planificación futura, apareceu entre as noticias que Sara recibía a da bolsa BEME da Xunta e decidiron probar a solicitala: “Realmente, foi o detonante”. Un mes antes de recibir a contestación da Administración, Sara e a súa parella xa estaban de volta en Galicia. “Se saía ben, mellor, e se non... E saíu ben”, afirma esta coruñesa que agora cursa o Mestrado en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos da Universidade da Coruña.

“Se non chega a ser pola axuda... Costaría máis. Eu estaba a mirar ofertas de traballo en Galicia, pero estando no estranxeiro é moi difícil atopar algo porque non podes ir ás entrevistas”, engade Nuria. É por iso que a achega inicial que ofrece o Goberno galego se convirte nalgo fundamental para estes mozos, xa que ademais de permitirlles ampliar o seu currículo con novos estudos de mestrado, tamén lles dá un fondo económico fundamental para pasar os primeiros meses do retorno. “O mestrado xa son máis de mil euros e sáeche gratis e despois está o diñeiro que che dan para poder comezar de novo a túa vida de cero”, di Nuria.

Estratexia autonómica
Así, as estratexias de emigración e retorno da Xunta están a dar nos últimos anos grandes resultados e conseguindo que, por exemplo, o número de menores de 45 anos que gañou a comunidade entre xaneiro e xullo de 2018 case cadruplicase o saldo do mesmo periodo do ano anterior.

Unha das cousas que máis valoran das BEME –que para este ano van incrementar nun 50% as prazas, ata os 150 beneficiarios e que van contar cunha dotación económica que pasa dos 860.265 euros de 2018 aos case 1,3 millóns nesta convocatoria, aberta ata o 30 de abril– ambas galegas retornadas é a facilidade na tramitación e que todo se poida facer a través de internet. 

“Sorprendeume moito porque é moi sinxelo ao estar todo informatizado e poder subir todos os documentos online”, di Sara, mentres Nuria explica que “malia que piden moitos requisitos, como é normal para unha axuda destas características, vale moito a pena realizar con calma todos os trámites”. “Ao haber este tipo de axudas, tomas a decisión con menos riscos. No meu caso, afortunadamente, ademais saíu todo ben”, comenta Nuria, quen conta xa no seu haber co título honorífico de ter sido a mellor da súa súa clase no primeiro cuatrimestre e, sobre todo, que o seu home xa atopou tamén traballo. 

Compatibilidade
Á bolsa BEME, Nuria tamén lle engadiu outra das achegas coas que o Goberno galego está a impulsar a volta á casa dos mozos: a Tarxeta Benvida. E é que este incentivo, que antes se destinaba só para os nacidos en Galicia, estendeuse aos mozos galegos residentes no estranxeiro. Trátase dunha axuda económica de 1.200 euros anuais por cada fillo para os gastos de primeira necesidade, como cueiros, alimentos, artigos de hixiene ou farmacéuticos para os nenos e nenas de cero a tres anos. “Nada máis chegar xa me dixeron en Emigración que podía pedir a Tarxeta Benvida pola nena e así o fixen”, asegura Nuria, quen certifica que o retorno é moito menos complicado cando hai axudas que poñen unha base económica: “Xa non o hai que deixar todo sen saber que pasará”.
 

As axudas aos retornados danlles o último empurrón aos galegos no estranxeiro

Te puede interesar