miércoles 11.12.2019

“Os veciños deben saber que o derribo da rúa Real pode deixar ao Concello nunha situación financeira precaria”

Municipais 2015

Manuel Cortés, candidato do Partido Popular á Alcaldía de Caldas de Reis

Manuel Cortés ten 55 anos é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e é natural de Valga, pero leva vivindo en Caldas dende que accedeu ao posto de director da oficina do que hoxe é Abanca.

O candidato do PP á Alcaldía de Caldas de Reis, Manuel Cortés	gonzalo salgado
O candidato do PP á Alcaldía de Caldas de Reis, Manuel Cortés gonzalo salgado

Manuel Cortés ten 55 anos é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e é natural de Valga, pero leva vivindo en Caldas dende que accedeu ao posto de director da oficina do que hoxe é Abanca. Disto hai máis dunha década, anteriormente traballou de administrativo no Concello da súa terra natal, hoxe está prexubilado e séntese preparado para gobernar Caldas. O seu lema é “xestión, xestión e xestión” e para a vila termal quere novos proxectos como un centro de día e un novo ambulatorio, pero di que os servizos básicos son a súa prioridade.

É a primeira vez que concorre a unhas eleccións, por que deu paso?
Foi unha proposta que me fixeron a finais de ano, sentíame en débeda co pobo de Caldas e parecíame unha forma de devolverlle o que me deu nestes anos ao fronte da oficiña bancaria. Estaba moi agradecido e hai que facer cousas por Caldas, que está no vagón de cola con respecto aos concellos do arredor, como Moraña ou Cuntis, que no último mandado tiveron gobernos do PP e xa se nota a diferenza. E non imos comparar con Barro ou Valga. Estariamos a anos luz.

Que lle deu?
Profesionalmente todo o que son, e sobre todo, confianza. Confiaron moito no meu equipo dende o primeiro momento.

Cales son as súas expectativas para esta cita electoral.
Somos un equipo que chegamos cheos de ilusión e ganas de acadar a maioría, non contemplamos outra opción. Creo que Caldas está decidida a facer un cambio e así será. Levamos un programa atractivo e, aínda que o momento é difícil, estaremos aí para pelexar coas diferentes administracións.

Fala de cambio, que cuestións habería que abordar?
Por exemplo, os servizos básicos do casco, as beirrarúas están deterioradas, falta limpeza e a Fonte da Burga... Un emblema da vila que precisa un importante saneamento porque pode acabar habendo un problema sanitario e moitas outras cousas. En canto a outro elemento fundamental como é A Carballeira. A ese proxecto de osixenación non lle vexo moito xeito porque, para empezar, podar en abril non é, para min, a época máis axeitada. Non me gustaría estar no sitio de Juan Manuel Rey e pasar a historia como o alcalde que se levou por diante a Carballeira, cunha historia centenaria. E no século XXI, que o saneamento non estea rematado é síntoma de que non se fixo unha boa xestión. Tampouco se pode reformar as pistas 15 días antes das eleccións, hai que ter un plan dende o primeiro día de goberno e ata o último.

Segundo di, o Goberno fixo moitas cousas mal, pero que destacaría destes 26 anos de executivos socialistas?
Falta de xestión e de ideas e ir ás diferentes administracións a negociar con elas. Somos conscientes de que os concellos teñen limitacións, pero hai que saber manexarse coa Xunta, coa Deputación e coa adminsitración central. De feito, hai un mes, aproximadamente, mantivemos unha reunión coa ministra de Fomento, Ana Pastor, para solicitarlle que se arranxara o tramo da Nacional que pasa por Godos e tamén que asfaltase o tramo urbano da N-550 e xa está aprobado, en breve comezarán os traballos. Isto é o que botamos en falta.

Que lle parece que o PSOE non aplicara o código ético ao alcalde trala apertura do xuízo oral?
É un tema entre o señor Rey e o PSOE, eles saberán onde están os seus límites e o seu código ético. A min o que me preocupa é a execución da sentenza de derribo do edificio da rúa Real, onde nace todo este asunto, porque iso levará consigo consecuencias para todos os caldenses e deben sabelo. O derribo desembocaría nunha posible reclamación por parte do promotor ao Concello e poden ser cantidades importantes que o deixarían nunha situación financeira precaria. Canto nos vai costar aos caldenses?

A candidatura do PP para a cita do domingo presenta una renovación case total con respecto á lista das anteriores municipais, é por algún motivo?
É unha lista na que repiten algúns como José Acha, con experiencia e outros, como Manuel Rajoy, aínda que, por motivos de saúde, non quería ir nos primeiros postos. Cando chega alguén novo o normal é que teña o seu equipo e buscamos a xente con experiencia en xestión. De feito, o noso lema pódese resumir en xestionar, xestionar e xestionar. Somos xente moi implicada e honrada para poñer en práctica unha política transparente e cercana ao pobo, que debe estar preto da toma de decisións.

Cales son as principais liñas do seu programa electoral?
Para empezar, a humanidade e a sinceridade serán principais para nós. Sei que nos imos equivocar, pero se é así o recoñeceremos. En canto a programa, a nosa proposta divídese en cinco bloques: En infraestructuras podemos destacar que sacar adiante o PXOM é urxente é vital. Ademais queremos negociar con Fomento para urbanizar o tramo da N-640 dende As Veigas de Almorzar ata, mínimo, o campo de fútbo. Agora, cando hai partidos importantes ves coches aparcados no arcén e rapaces que van cara o campo polos arcéns, sen seguridade. Tamén queremos arranxar a ponte da Ferrería, é perigosa, saneamento nas parroquias e na fonte da Burga, e crear novas prazas de aparcamento. Queremos desenrolar o polígono industrial, entre outras como contar cun centro de día e un novo centro médico porque o actual está obsoleto, sen esquecer que o servizo de matrona está na escolar taller e non pode ser. En canto a economía e emprego queremos fomentar o comercio local, firmando un convenio para reactivalo centrado en impulsar a rúa Real como icono patrimonial e punto estratéxico. É preciso tamén adecentar e impulsar o Camiño e fai falta outro complexo deportivo que teña pistas de tenis e varias canchas. En materia de Medio Ambiente, queremos que o Umia sexa navegable no entorno da ponte da Ferrería.

E as pozas? Continuarían con este proxecto?
Nunca estivemos en contra, pero non é unha prioridade. Hai outras cuestións ás que podería terse destinado esa inversión. O PSOE leva máis de 28 anos coa idea do termolúdico que ao final acaba en pozas e, por outra banda, habería que saber o que se gastou dende que falan del.

Vostede foi director do banco no momento en que se venderon preferentes, cre que isto lle pode afectar?
Fun director durante moitos anos e toda a xente á que lle coloquei preferentes o teñen resolto. Eu e o meu equipo soubemos resolverlle o tema e, de feito, nos agradeceron como o levamos desde o primeiro día. Eu persoalmente levei a consumo queixas e logo, grazas a Feijóo, que puxo en marcha a arbitraxe, se solucionaron moitos casos e os pendentes, cando o FROM vendeu a entidade, o novo dono apostou por solucionalo. Non hai nin unha soa persoa que esté descontenta por como actuou a entidade. De feito, non tivemos problemas coa plataforma de afectados, a pesar de o que diga Rey. O único que fixo foi reunirse con algúns membros desta entidade  e do banco. O Concello non fixo absolutamente nada.  

E se fixera falta algún pacto, estarían dispostos?
Non contemplamos ningunha opción que non sexa acadar a maioría. Se se dá outra situación haberá que ver cal é a idea do partido, pero, insisto, non o contemplamos. n

Comentarios