Un capítulo da historia de Cuntis a través das rúas, prazas e recunchos da vila

“Para pasar unha páxina da historia primeiro hai que lela”, di Héitor Picallo. E iso fixeron onte un grupo de alumnos de 4º de ESO do colexio Don Aurelio, que se adentraron nun capítulo da historia cuntiense (o da Guerra Civil e a posguerra) a través dun percorrido polo casco urbano da vila do Baño: o chamado Roteiro da Memoria, con parada en rúas, prazas e espazos vinculados “coa lei de memoria histórica, que persegue resarcir o dano aos represaliados” polo réxime franquista, explicoulles Picallo. E o colexio foi o punto de partida perfecto, porque o mestre que lle  dá nome, Aurelio Marcelino Rey García, foi un dos cuntienses que sufriu esta represión. Estivo confinado na illa de San Simón “polo mero feito de ser republicano”, defender a laicidade da educación ou os dereitos das mulleres. “Foi unha persoa impresionante, un pioneiro” no campo educativo, dixo del Héitor Picallo.
Máis de medio cento de veciños da vila foron represaliados e outros once asasinados durante o alzamento militar. Un dos feitos diferenciais en Cuntis é a presenza dunha muller entre as vítimas mortais: María Suárez Paz, fusilada en Vigo. Durante o roteiro tamén saíron os nomes do entón alcalde da vila, Manuel Rodríguez, e o concelleiro Serxio González, que se entregaron trala toma de Galicicia. Foron primeiro encarcerados na Rúa da Presiña, onde estaba “o Concello vello”, ata que unha noite acabaron coas súas vidas. A mesma sorte correron Xohán Xesús González, Secundino Limeres ou Xosé Vázquez Grela, este último de xeito cruel. “Sacárono da súa escola en Nigrán e xa non voltou máis”, lembrou o guía deste particular roteiro.
Canteiros, avogados, mestres, escritores e xornalistas foron algunhas das profesións con maior número de represaliados. Outro exemplo, Roberto Blanco Torres. Ante o busto que o homenaxea, nas inmediacións da Casa Reitoral, Héitor Picallo lembrou que á súa morte, con 45 anos de idade (foi paseado e os seus restos nunca apareceron), só deixou dous libros: un poemario e unha colección de artigos. E aínda así adicóuselle en 1999 o Día das Letras Galegas. “Se chega a cumprir 80, daríanlle o Nobel”, comentou. Blanco Torres denunciou en 1926 dende Cuba que estaban “roubando parte da Praza de Galicia” e as burgas comunais cuntienses.
A Praza da Constitución ou “campo da feira” foi tamén lugar de parada para apuntar que o que hoxe é o Fogar do Pensionista foi no seu día lugar de reunión das xuventudes da Falange. Na rúa Bernardo Sagasta, os escolares puideron contemplar o primeiro Consitorio que houbo na vila e a casa na que se redactaba El Bólido de Cuntis, un dos catro xornais existentes no municipio. Na praza de abastos quedan os restos do que foi un escudo falanxista, como outros moitos que proliferan en lavadoiros e pontes do municipio. Recordou Héitor Picallo a campaña que emprendeu hai uns anos O Fervedoiro reclamando que se retirase toda esta simboloxía dos edificios e espazos públicos. Só conseguiron que se borrara o do mercado. “A Alcaldía díxonos que a historia é a que é, guste ou non”, pero en opinión de Picallo eses símbolos “deberían ser eliminados porque simbolizan o terror e a morte”. Referiuse tamén a esta cuestión ao paso polas inmediacións da igrexa, en cuxa fachada pervive unha cruz en recordo  dos “caídos por Dios y por la patria”. O curioso, incide, “é que non apareza ningún monolito en memoria dos que loitaron no bando republicano”. n

Un capítulo da historia de Cuntis a través das rúas, prazas e recunchos da vila

Te puede interesar