Día de malla... e de tombos na palla

Día de malla... e de tombos na palla
Malla del trigo en el colegio Xesús Ferro Couselo de Valga

Cinco anos despois, a tradición da malla mantén o tirón entre maiores e rapaces valgueses. Onte volveron a compartir unha mañá de actividades no colexio Ferro Couselo de Cordeiro, tamén con alumnos de Baño, integrantes do colectivo Asdivalu e os “mestres” de Axentiva. Os homes a bater no trigo, e as mulleres a animar coas pandeiretas e as súas coplas. Foi unha xornada didáctica, pero tamén divertida. O que antano se coñecía como “tombo da palla” (esa estratexia tan empregada para mocear durante as tarefas agrícolas) foi rapidamente aprendido polos máis pequenos, que se fartaron de dar viravoltas.
Do palleiro pouco quedou, e o gran tampouco abundou. Porque a colleita deste ano, condicionada pola climatoloxía, foi máis ben escasa. Pero, iso si, de calidade e ben aproveitada. Puideron comprobalo os participantes deste Encontro Interxeracional, que onte mesmo degustaron algúns produtos elaborados co trigo que eles sementaran alá polo mes de abril. Unha parte xa pasara previamente polo Muíño da Ínsua e o resultado foron deliciosas empanadas e roscas das que non quedou nin a proba.
Agora toca pensar xa na sexta edición desta iniciativa, coa que o Concello e distintas asociacións de Valga tratan de recuperar as tradicións do agro para que as novas xeracións coñezan como se traballaban as terras cando a maquinaria era algo case que inimaxinable para o común dos campesiños; cando a tarefa era dura pero servía tamén como forma de relacionarse. Era toda unha actividade social. n

Día de malla... e de tombos na palla

Te puede interesar