Dúas xeracións unidas polas tradicións do agro

Dúas xeracións unidas polas tradicións do agro
sementeira del trigo en valga

Cando Valga puxo en marcha, no ano 2007, o seu primeiro Encontro Interxeracional para recuperar as tradicións do agro, poucos pensaban que esas leiras que levaban anos sen traballar ían volver a dar sustento a moitas familias en apuros pola crise. Plantar o millo, trigo ou patacas volve a estar en auxe, aínda que sexa por necesidade e teñan que facelo persoas que nunca pensaran en traballar a terra. En Valga xa teñen parte do camiño andado. As novas xeracións coñecen xa como son as tarefas agrícolas e aprendérono dos mellores expertos: os seus avós, para os que o agro significaba antano esforzo e suor pero era tamén unha desculpa para fomentar a convivencia entre veciños.
Onte os rapaces valgueses recibiron unha nova lección. Coa sementeira do trigo arrancou a quinta edición dos Encontros Interxeracionais. Nenos e maiores reuníronse nunha finca de Loncras (Cordeiro) ataviados con traxes de faena e sen esquencer os sachos. Non faltou nin “Xosé do Rato”, incombustible aos seus 94 anos de idade e que aportou á cita un vello arado de pao para sorpresa dos rapaces —medio cento de alumnos dos colexios de Baño e Ferro Couselo—. Traballaron duro, pero aos mozos tamén lles quedou tempo para correr pola herba en busca de flores ou das xestas tan típicas do primeiro día de maio. A música foi outro dos ingredientes fundamentais, con dúas integrantes das pandereteiras de Moldes, Maruja e Olguita, entonando coplas tradicionais. Xa hai quen lles dea o relevo, porque un grupo de rapaces animouse tamén a darlle ás pandeiretas.
O trigo quedou sementado e, coidando del, un espantallo do máis moderno, con apariencia de robot e creado con materiais reciclados polos membros da asociación de discapacitados Asdivalu. A mañá foi dura e non quedaba outra que repoñer forzas antes de emprender o camiño de regreso. Unha merenda a base de pan de millo e trigo, chourizos, queixo e sardiñas en conserva fixo as delicias de todos. A próxima cita, xa quedou fixada. Será a sega no mes de agosto para recoller o cereal e comezar a preparalo de cara á malla.

Dúas xeracións unidas polas tradicións do agro

Te puede interesar