O Fervedoiro móllase polo río Gallo

O Fervedoiro móllase polo río Gallo
Diario de Arousa-2014-10-05-017-dbe3f80c_1

“Ponte as botas e móllate polo Gallo”. Esa foi a chamada que fixo o colectivo cuntiense O Fervedoiro para incitar á participación nunha xornada de limpeza deste afluente do Umia. Nove (seis adultos e tres rapaces) foron as persoas que botaron man das botas de auga, das luvas e das bolsas de lixo para poñer o seu gran de area na defensa e conservación do Gallo.
Entre o tramo urbano e os arredores da depuradora de Meira retiraron uns 250 quilos de residuos que ensuciaban o leito fluvial. Papeis, plásticos, unha cancela metálica, arames e algunha coitela de afeitar foi o que atoparon tanto na auga como nas ribeiras. Tamén os restos dunha bicicleta, que non conseguiron sacar do río xa que estaba soterrada. “Retiramos todo o que se puido, porque algunhas cousas era imposible”, apunta un dos participantes. E, por desgraza, “aínda quedan moitos residuos que degradan os nosos ecosistemas fluviais. Queremos uns ríos limpos, queremos poder disfrutar deles e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados”.
A xornada incluíu outras accións tendentes a coñecer o estado das augas. Nas inmediacións do balneario, mediron os niveis de PH (6,5 foi o resultado), de osíxeno (medio) e de nitratos (4 miligramos por litro), así como a velocidade, que nese tramo era de 0,6 metros por segundo. Moi diferente foi a imaxe en Meira, onde sofre continuas agresións en forma de vertidos.

O Fervedoiro móllase polo río Gallo

Te puede interesar