Miércoles 19.06.2019

Juan Manuel Rey: “Conseguimos importantes inversións, como a Casa da Luz, a débeda cero e sen tocar os impostos desde hai sete anos”

Candidato do PSOE de Caldas

Juan Manuel Rey aspira a revalidar o cargo de alcalde, ao que chegou por primeira vez en 2006 trala marcha do seu antecesor, Xosé María Tobío. Chega máis calmado á loita polas urnas que na última ocasión, cando a campaña viuse empañada por un proceso xudicial do que saliu absolto.

Juan Manuel Rey nos terreos caldenses nos que se asentará a futura Vía Verde, un proxecto do que se sinte moi orgulloso | gonzalo salgado
Juan Manuel Rey nos terreos caldenses nos que se asentará a futura Vía Verde, un proxecto do que se sinte moi orgulloso | gonzalo salgado

Juan Manuel Rey ten xa experiencia en chamar ás portas dos veciños para pedir o voto. É xa a súa cuarta campaña como cabeza de lista, pero xa antes participara como un membro do equipo de Tobío. Agora aspira a revalidar a maioría absoluta que os caldenses déronlle na última cita coas urnas, por elo, polo momento, non quere nin escoitar falar de pactos.
 
Que proxectos novos presenta nesta campaña? 

Por circunstancias, e polo dilatado tempo que levo en Alcaldía, penso máis nun plan estratéxico que nun programa electoral ao uso. Hai cousas que entendo que conveñen ao pobo que poden levar máis dun mandato, pero que deben empezar xa a plantexarse, como a Variante Este ou as rotondas da 550, así como o desenrolo dos polígonos industriais, a ampliación do instituto ou o centro médico. Tamén estamos dispostos a cambiar o “chip” no tema das políticas verdes, con pequenos xestos como axudas.
 
E con que balance preséntase Juan Manuel Rey aos veciños de Caldas?

Eu creo que o mellor mandato da democracia, ou polo menos dos últimos anos. So hai que por na balanza xestións como a compra da Fábrica da Luz, ou as fincas da Ferrería sobre as que se está levantando un edificio multiusos que vai ser a sede da Escola de Música, ou as melloras no campo de fútbol, o remate das pozas, a ampliación do saneamento no rural, os asfaltados, a recuperación do centro comarcal para uso dos veciños... Todo iso conseguiuse a débeda cero. Recentemente aprobamos no Pleno a amortización dos últimos 285.000 euros de débeda. Somos probablemente o único pobo de 10.000 habitantes que non estamos endebedados e eu creo que isto é un logro importanto sobre todo tendo en conta que, desde 2012, non se tocaron os impostos.

Ademáis hai proxectos importantes en marcha, non?

Nos últimos días acaba de porse en marcha a Vía Verde, pioneira en Galicia e que atraerá turismo. En Caldas o turismo tivo un auxe importante polo Camiño pero tamén co PortAmérica. Agora dámoslle máis motivos aos visitantes tando coa Vía Verde como coa finca de Fenosa. 

Iso si, a espiniña deste mandato será o centro de saúde...

O centro de saúde e o río son as dúas eivas máis importantes e as preocupacións que me teñen máis agobiado. De todos xeitos, mostran o escaso interese que pon a Xunta en colaborar co Concello. Nós ofrecemos a colaboración en ambos casos e a resposta foi negativa. Na última reunión polo centro médico ofrecimos que mostrasen no PXOM a finca que querían para comprala. Nós temos en efectivo máis de dous millóns de euros para comprar a finca que queira. Pero creo que o que queren é enredar. 

A oposición, nembargantes, critica a súa xestión no tema do río...

Tanto no caso do centro médico como do río o PP de Caldas ten metido na cabeza que son cousas que son pasan en Caldas, pero hainos en toda Galicia. Están tratando de botar a culpa aos demais para evitar as súas responsabilidades.

Así un pouco polas súas palabras deduzco que si lle pregunto pola relación coas demais administracións dirame que coa Deputación moi ben e coa Xunta así, así...

Coa Deputación moi ben, coa Xunta así, así e co goberno estatal estase encauzando. Esta relación vai ser capital, porque asuntos como o da Variante ou a das rotondas depende do Estado, así como a inversión que queremos facer na Fábrica da Luz a través do 1,5 por cen cultural, un programa do Ministerio de Fomento. Afortunadamente, teremos un interlocutor máis fiable que nos últimos tempos.

Imaxino que o PSOE preséntase para gobernar e que aspira a renovar a maioría absoluta que obtivo na pasada cita coas urnas pero, de non ser así, con quen estaría disposto a pactar tras o 26 de maio?

Eu antes do 26 de maio non pacto con ninguén. Logo, a partir de aí, xa falaremos pero pensar en pactos previos e como pensar en non gañar, e eu quero gañar.

Comentarios