“Non me marco ningún límite por facer música en galego. Eses complexos xa están superados”

“Non me marco ningún límite por facer música en galego. Eses complexos xa están superados”
Roi Casal, m�sico de Catoira

Logo dunha primeira e satisfactoria toma de contacto co público en Suiza, Roi Casal (Catoira, 1980) presenta mañá no Teatro Principal de Santiago “Donos do noso destino”, o seu terceiro disco en solitario que segue a estela de “Lendas douradas” e “Maxicamente Vello”, cos que logrou consolidar un estilo propio e recoñecido. “Uniforme en canto á sonoridade”, pero tamén cheo de “diversidade”, este traballo reflexa “estabilidade, despois de cinco anos en solitario”. Con máis de 10.000 copias  de “Maxicamente vello” vendidas, “teño a tranquilide de saber que o meu estilo é recoñecido. Sintome cómodo facendo esta música e a xente identifícame con ela. Por iso non hai unha pirueta mortal neste terceiro disco, segue a ser Roi Casal e a súa banda en estado puro”, afirma o músico.
 
A boa acollida que tivo “Maxicamente vello” era o esperado ou foi unha grata sorpresa?
Todos os músicos temos a ilusión de que iso suceda, pero tamén a intranquilidade de que non chegue a suceder. Viñamos de “Lendas douradas”, co que non tivemos a oportunidade de tocar todo o que quixeramos, e con “Maxicamente vello” superamos as expectativas grazas a un produto de calidade e a un traballo moi duro, non só meu, tamén dos músicos e da xente que está detrás e que creu neste proxecto incluso nos momentos dífíciles.

E cal foi o máis difícil?
O ano despois de deixar Milladoiro, cando saín da burbulla e empecei a enfrentarme á realidade por min mesmo. Foi difícil pero tamén aprendín moito e se hoxe estou aquí é grazas a todo o que aprendín nese momento. 

Xa tivo unha primeira actuación en Zúrich hai uns días. Como resultou ese primeiro contacto co público?
A resposta foi moi boa. A xente coñecíanos pola difusión que tivemos na Televisión de Galicia cun dos temas do disco, “La Vieja”, banda sonora da serie “Caseiros”. As cancións novas que imos estrear mañá en Santiago tiveron moi boa acollida e con elas conseguimos un directo máis rico. En “Donos do noso destino” hai temas moi bos que van formar parte do noso repertorio durante moitos anos. O single “Rosa”, un texto de Rosalía de Castro cun fragmento de música tradicional, é unha maravilla por como o canta Silvia Ferre, polo coidado dos arranxos... É unha producción musical elaborada e ao mesmo tempo fresca, que á xente lle resulta doada de escoitar e que engancha rápido. 

Ademais dese texto de Rosalía, tamén musica neste disco un poema de Xosé Mª Díaz Castro, ao que se adica este ano o Día das Letras Galegas. 
Cunha cultura tan rica coma a galega é difícil abstraerse e pasar de longo sen musicar a ningún autor. Facémolo case todos os artistas, dentro desa relación íntima que hai entre a literatura e a música. Tivemos a sorte de que con Rosalía, Curros Enríquez e Pondal comezou todo un rexurdir da cultura galega tralos séculos escuros e é metafórico que o primeiro tema do disco sexa de Rosalía e o segundo de Díaz Castro. Conxúganse o comezo e o máis contemporáneo. E o mesmo sucede coa música, hai música tradicional que pode ter 300 anos e outra composta hai meses para este disco. Ese convivir fai que a xente se vexa identificada tanto na modernidade como na tradición.

O tema que dá título ao disco, “The captain of my soul”, un poema de William Ernest Henley, semella toda unha declaración de intencións.
É un exemplo de como, ás veces, os temas saen de forma casual. Unha noite un amigo envioume o poema “Invictus” por whatsapp. Fun ao estudio e, coa pantalla do teléfono aberta, collín unha música que xa tiña feita e vin que encaixaban como un guante de seda. Despois, durante a gravación, démonos conta de que este poema di moitas cousas coas que a xente da miña xeración nos sentimos identificados. Henley tivo tuberculose aos osos e acabaou amputado. Postrado na cama escribiu este poema no que di que, por moi estreito que fose o camiño, el sempre sería o dono do seu destino e o capitán da súa alma. Cen anos despois Nelson Mandela, preso no cárcere, tomou ese poema como bandeira e acabou sendo presidente do seu país e iniciando a abolición do apartheid. Se estes dous homes que o tiñan tan difícil foron capaces de darlle a volta, a nosa xeración non pode estar nun lamento constante, senón que debe buscar solución ás dificultades. Hai que acabar dunha vez co lamento para intentar vivir mellor, que é ao que aspira todo o mundo. E iso consíguese sendo donos do noso destino. 

Como será a distribución de “Donos do noso destino”?
Tomei a decisión de que este disco non o vou a distribuír fisicamente en tendas, aínda que teño un contrato enriba da mesa para facelo. Das 10.000 copias que vendemos de “Maxicamente vello” apenas un porcentaxe moi baixo se mercaron en tendas e, como profesional, teño que priorizar o que é rendible. É unha decisión arriscada que tomei eu personalmente porque penso que non paga a pena facer unha distribución masiva. O disco pódese mercar online a través da páxina web roicasal.com con entrega en 48 horas en calquera lugar da península. Tamén se poderá adquirir nos meus concertos e está en marcha a distribución dixital en iTunes ou Spotify.

Defínese como un músico “sen complexos”. A que se refire?
Os complexos, afortunadamente, xa se venceron en Galicia hai anos. Non temos que marcarnos un límite polo feito de facer música en galego. Eu non me marco ningún, teño a mesma ambición que calquera artista de calquera outro país e de calquera dimensión. Con ese espírito foi co que chegamos ata aquí e aínda nos queda moito camiño.

Ten xa programada unha xira internacional de bastante envergadura e que o levará ata Cuba, Uruguay, Arxentina ou Estados Unidos.
Eu xa tivera ocasión de facer xiras importantes con Milladoiro, pero en solitario é a primeira vez que saio tanto tempo e tan lonxe. Sempre crin que esta era unha etapa que chegaría e, finalmente, chegou. Intentaremos deixar o pavillón moi alto, tanto o noso propio como o do país, e demostrar que en Galicia se fan cousas de calidade. Temos xa a experiencia de Zùrich, que foi moi positiva. Todo o mundo  debería ter a oportunidade de vivila, de ver como é a nosa emigración,  como se organiza, como traballan e con que cariño te reciben. Tocar para dous mil galegos foi moi emocionante, como tamén comprobar que seguen querendo e lembrando ao seu país. Os clixés que moitos teñen da emigración son inxustos.

Haberá tamén xira galega? 
Prefiro non desvelar nada polo de agora. A xente terá oportunidade de verme e será unha honra volver a estar nas principais festas do país. A nosa música encaixa de marabilla nese tipo de celebracións, aporta un aire novo pero mantendo a tradición, e a xente sempre sae contenta. O obxectivo último é conseguir espertar novas emocións no público e que a xente o pase ben. n

“Non me marco ningún límite por facer música en galego. Eses complexos xa están superados”

Te puede interesar