Unha das moitas fotografías que aparecen na publicación, todas elas cos nomes dos seus protagonistas

Unha das moitas fotografías que aparecen na publicación, todas elas cos nomes dos seus protagonistas
estampa típica do rural

“A esencia dun pobo está na súa xente”. Son palabras do alcalde de Catoira, Alberto García, no prólogo da publicación “Aquela xente de Catoira”. Ese é, en síntese, o contido das máis de catrocentas páxinas do libro, da autoría de Pepe Castaño e editado no mes de Nadal por Telófilo Edicións. Non hai catoirense que non queira telo na súa biblioteca, que non queira verse nas fotografías ou ler as historias, anécdotas e pasaxes das que eles mesmos son protagonistas. Porque Castaño Dios quixo nesta obra dar voz aos auténticos heroes da historia de Catoira. As xentes de a pé, as que tiveron que partirse o lombo para sobrevivir nos tempos duros, ás que non lles quedou máis remedio que emigrar, as que forxaron o carácter desta vila.

Con marcado carácter antropolóxico e histórico, o libro abrangue todo un século entre os anos 1880 e 1980. Unha época na que había persoas que xa destacaban, sobre todo os empresarios. Pero é na “xente normal” na que máis incide Pepe Castaño na súa obra. Persoas anónimas que traballaban no campo, que “pasaban inadvertidas. Contar as súas anécdotas, como vivían e o mal que o pasaron a maioría é o que diferencia este libro” doutros que se tiñan publicado sobre o municipio vikingo, explica o autor. Sen esquencer aos catoirenses que emigraron, que fuxiron da miseria en busca dunha vida mellor, aínda que sexan estes os que menos contido aporten nesta ocasión.

Entrevistas persoais cos propios veciños —arredor de setenta destas conversas foron gravadas, pero “houbo moitas máis”— e un excelso traballo en busca de documentos e imaxes dan como resultado “Aquela xente de Catoira”. Receitas contra todo tipo de males e enfermidades, cheques de aqueles que xa empezaban a facer fortuna, testamentos de persoeiros ricos que ata legaban parte dos seus bens “aos pobres que asistiran ao seu enterro”... Todo tipo de documentos históricos e multitude de fotografías adornan “a letra pequena”, o relato que fan os propios catoirenses de como era a súa vida e de como, co paso dos anos, o progreso ía gañando terreo e comezaba, por exemplo, a circular pola vila algún vehículo. Un dos primeiros coches que se viu era propiedade do empresario coñecido como “O Portugués”, que todos os días facía o traxecto entre A Escrativude e Catoira para dirixirse á factoría que el mesmo fundara na localidade do Ulla.

Os curas —que “facían política” e eran os que “conseguían estradas”—, mestres, curandeiros... personaxes de todo tipo pululan por estas páxinas. Pero se houbo algo fundamental na historia de Catoira foi a industria. Xogou un papel “clave”, recalca Pepe Castaño, de aí que ocupe un dos apartados máis amplos do libro, facendo un repaso exhaustivo por todas as empresas e negocios —dende a máis grande ata o máis pequeno— que xurdiron naquela época. “En Catoira viviu moita xente da industria, ao contrario do que pasa agora, que xa non queda nada”, comenta o autor. O referente, sen dúbida, foi Cedonosa, que no seu momento máis álxido, chegou a ter ata 800 obreiros, algo “inaudito” para unha vila coma a vikinga. Sobre esta compañía, actualmente extinta, fai Castaño Dios un estudio minucioso nesta publicación, destacando ao seu fundador, Eloy Domínguez Veiga, como un dos persoeiros fundamentais neste período da historia de Catoira.

No tocante á vida social, quen sobresaiu foi Faustino Isorna, durante décadas secretario do Concello: “Os alcaldes pintaban pouco nesa época, era Faustino o que influía, para ben ou para mal, o que pinchaba e cortaba”. Sen esquecer ao seu fillo, Baldomero Isorna (“Merucho”), que destacou pero por motivos diferentes, na súa faceta de poeta. Era amigo de Camilo José Cela, que garda non pouca relación con Catoira. Foi unha veciña da vila a que lle “salvou a vida” ao premio Nobel, como el mesmo recoñece nunha das dúas obras, “La Rosa”. Manuela Boullosa foi a catoirense que amamantou a Cela e conseguiu sacalo adiante. Unha muller, sen dúbida, para a historia.

A Guerra Civil non podía deixar de ser eixo dun dos máis salientables capítulos de “Aquela xente de Catoira”. A contenda contada por aqueles veciños da vila que tiveron que combater nas distintas frontes, participando incluso en pelotóns de fusilamento. Pero máis aló dos acontecementos históricos, o que relata esta obra é a vida cotiá. Episodios e momentos que, de non ser por Pepe Castaño, quizáis nunca trascenderían. Todo “real” e, en ocasións, tamén romántico. Porque ata houbo en Catoira quen non puido superar o desamor e preferiu suicidarse.

 

Unha das moitas fotografías que aparecen na publicación, todas elas cos nomes dos seus protagonistas

Te puede interesar