Valga fixa as bases para poder crear unha Mesa Local contra a Violencia de Xénero

Valga fixa as bases para 
poder crear unha Mesa Local 
contra a Violencia de Xénero
Diferentes axentes implicados na loita contra a violencia de xénero acudiron a unha xornada formativa en Valga | concello

No mesmo ano no que catro veciñas do municipio foron asasinadas vítimas da violencia machista o Concello de Valga tenta fixar as bases para a creación da Mesa Local contra a Violencia de Xénero. O obxectivo non é outro que o de favorecer a detección de posibles casos, así como ofrecer unha resposta áxil e efectiva ás vítimas ou sensibilizar á poboación sobre esta problemática.

Para a posta en marcha desta ferramenta persoal municipal e do Centro de Información á Muller, así como membros dos corpos e forzas de seguridade e tamén do ámbito educativo participan nunhas sesións formativas no Auditorio. As sesións iniciáronse onte e continuarán o vindeiro mércores e o que se busca é mellorar a organización e a comunicación entre os membros que poidan formar parte da Mesa Local.

Ademais de iniciativas para sensibilizar á poboación e educar á cidadanía contra a violencia machista o que se busca é optimizar tamén a coordinación dos axentes implicados na loita contra esta lacra. Tamén se pretende mellorar a protección das vítimas consideradas de alto risco e ofrecerlles unha rápida resposta.

Hemiciclo dividido

A idea de fomentar a creación da Mesa Local contra a Violencia de Xénero chega na mesma semana na que colectivos feministas locais coma “O Refaixo de Carolina”, así coma o propio grupo do Partido Socialista, instan ao goberno municipal de Bello Maneiro a adherirse á campaña de “En negro contra as violencias”. Unha moción dos socialistas pedindo precisamente esta adhesión foi rexeitada polo grupo popular valgués.

Valga fixa as bases para poder crear unha Mesa Local contra a Violencia de Xénero

Te puede interesar