• Viernes, 17 de Agosto de 2018

Valga investirá neste ano máis de 500.000 euros na mellora de varias estradas municipais

O Pleno de Valga aprobou, cos únicos votos favorables dos membros do goberno local, o cambio de destino dos 400.000 euros da Caixa de Anticipos.

Valga investirá neste ano máis de 500.000 euros na mellora de varias estradas municipais
O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro |
O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro |

O Pleno de Valga aprobou, cos únicos votos favorables dos membros do goberno local, o cambio de destino dos 400.000 euros da Caixa de Anticipos que, inicialmente, ían ser destinados ás obras do edificio administrativo. Dende o executivo que preside Bello Maneiro manifestan que a Deputación denegou a subvención solicitada para tal proxecto, daí que parte desa partida (55.872 euros) vaian para o parque Irmáns Dios Mosquera e 344.128 euros para a mellora e reparación de estradas municipais.
O embarcadoiro
Por outra banda na sesión plenaria tamén quedou aprobado o proxecto para a creación dun embarcadoiro en Campaña que se destinará, fundamentalmente, ao seu uso por parte de embarcacións turísticas. As obras, que executará Portos de Galicia, contan cun orzamento de 255.970 euros e consistirán na instalación dun pantalán de 42 metros de longo con pavimento de madeira e varanda de aceiro inoxidable. Ao final da pasarela colocarase unha plataforma flotante de 24 metros de longo por 3 de ancho. Esta plataforma será a que permita o atraque de catamaráns. Así mesmo o entorno será acondicionado con pavimento de adoquín e habilitarase un acceso por estrada.
     A maiores o Pleno tamén aprobou solicitar á Xefatura Provincial de Costas do Estado autorización para a ocupación de terreos do dominio público marítimo-terrestre. O alcalde, José María Bello Maneiro, indicou que o obxectivo do goberno é atraer a Valga cantos máis visitantes mellor, xa que iso reportará ingresos aos comercios e aos establecementos de hostalería locais. “Non queremos que os turistas veñan só tomar un café, senón que estean en Valga, alomenos durante 24 horas”, matiza.
     Na sesión ordinaria deuse conta tamén da liquidación do orzamento de 2017, exercicio que segundo os datos facilitados polo goberno local se pechou cun remanente de tesourería de 471.454 euros. De feito aprobouse incluír estes fondos ao Orzamento do 2018, cos votos favorables do Partido Popular. l