Alberto Varela | “Os milagres económicos non existen. Quen di de crear miles de empregos xera falsas expectativas”

Alberto Varela | “Os milagres económicos non existen. Quen di de crear miles de empregos xera falsas expectativas”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-e48d06d5

Alberto Varela aspira a revalidar o seu cargo na Alcaldía confiando en que os cidadáns saiban valorar o traballo realizado polo seu equipo neste mandato.

Por que cre que hai que elixir a papeleta do PSOE o domingo?

Pois porque, a diferencia doutras formacións, os cidadáns viron o proxecto de cidade que ten o PSOE. Somos os que temos o proxecto máis crible e realista.

Hai catro anos na entrevista como candidato neste mesmo espazo dicía que “Non creo que os que falan de casta me coloquen a min nesa definición”. Segue a pensar o mesmo un mandato despois?

O de casta paréceme unha palabra moi despectiva porque os políticos estamos aquí para traballar polo ben da sociedade. Eu sei que personalmente non cambiei e sei perfectamente cal é a miña función. Ser alcalde é unha etapa máis na miña vida.

En que mellorou a calidade de vida dos vilagarciáns estes catro anos?

Non o digo eu, dino os veciños. Temos unha cidade máis humanizada e houbo un rural moito máis atendido.

A oposición di xusto que o rural non está ben atendido...

Iso é o que pretenden transmitir eles. Nós levamos catro anos en contacto constante. Algunhas formacións acórdanse de reunirse cos veciños en campaña. Conseguimos ser un goberno cercano, dialogante e que soubo modificar ou rectificar cuestións nas que pensabamos que estabamos errando.

Entón considera que se cometeron erros neste mandato...

Por suposto. O que toma decisións, erra. É certo que tratamos de levar adiante proxectos que nós viamos clarísimo que ían convencer á maioría e que finalmente non foi así, como o caso do proxecto para Víctor Pita. Por iso o modificamos.

Hai dúas cousas que se lle atragantaron este mandato. Unha delas foi a aprobación do PXOM. Haberá Plan Xeral estes catro anos?

Eu creo que sendo realistas e manexando os datos que temos é posible. Non se conseguiu este mandato polas vicisitudes polas que pasamos. A empresa que levaba anos coa revisión rompeu o contrato e houbo que sacalo de novo a licitación. Aínda así fomos quen de mandalo á Xunta, cousa que o goberno do PP decidiu non facer. Por iso me sorprende que digan que o PXOM está nun caixón.

O outro asunto é a RPT. Cre que os traballadores do Concello aplauden a súa xestión neste tema?

Estou convencido de que están contentos. Facía moitos anos que non se facían prazas de promoción e fixéronse para aqueles grupos máis baixos. Houbo un bo clima entre o goberno e os sindicatos. A aprobación da RPT estamos preto de acadala.

Hai intención de aumentar a plantilla municipal?

A nosa idea, primeiro, é aumentar a nosa plantilla da Policía Local e cubrir con máis prazas o resto de departamentos.

Falemos de programa. Hai catro anos presentaba un macro proxecto para O Ramal que agora se reconverte tan só en piscinas. Por que este cambio?

Porque aprendemos dos erros. Fai catro anos confiabamos na boa disposición do Porto e agora vemos que mentres non cambien aí as persoas é difícil levar este tipo de cousas adiante. Nós queremos evitar barreiras no mar e eles buscan facer negocio con chan público. Esperamos que a cidadanía tome nota diso.

Fala do hotel que propón o PP. Necesita a cidade ese servizo?

Pode ser, pero non a calquera prezo.

Falan de piscinas nunha praia que ten claros problemas de saneamento...

A calidade da auga da Compostela leva catro anos sendo excelente e iso ponnos na capacidade de obter para o ano a Bandeira Azul. A calidade da Concha é suficiente e iso temos que melloralo. Vamos seguir investindo niso na praia e tamén en dotala doutros servizos, pero sen facer loucuras ou obras faraónicas.

Cre que é o turismo a solución para os malos datos do paro na cidade?

É unha ferramenta máis, pero hai que traballar con proxectos sensatos e realistas. Hai que poñer medios para que as industrias se asenten. Iso si, os milagres económicos non existen e os que digan que van crear 3.000 ou 1.000 postos de traballo o que fan é levantar falsas expectativas.

Compensa seguir insistindo na parcela da Comandancia para o centro de saúde?

Nós insistimos en que é o lugar idóneo. É curioso como en catro anos non escoitei outra alternativa e agora en campaña aparecen propostas de última hora. Todas elas son en parcelas privadas que, en todo caso, implicarían máis custo que a zona da Comandancia.

Hai quen di que as peonalizacións que se fixeron foron improvisadas...

Non é certo. Todo foi estudado non só por nós, senón pola empresa encargada do PXOM.

Como solucionamos o problema do tráfico, por exemplo, en Rosalía de Castro?

Certo que é a zona máis problemática, pero non vén de agora. Imos tentar mellor a fluidez cun semáforo e tentar que a Xunta escoite a decisión unánime do Pleno de limitar o tránsito de vehículos pesados.

Hai ideas máis aló da música para á área de Cultura?

Seguro que hai cousas por mellorar. Hai cousas que quedaron pendentes como crear o Consello da Cultura que, probablemente, axudará a mellorar a nosa oferta cultural.

Será no próximo mandato cando se salde a débeda coa memoria histórica na cidade?

Nós sempre imos cumprir as normas e tamén as leis. O que non podemos é enzarzarnos en qué rúa debe ser para un no centro ou para outro. A débeda cos nomes femininos tamén debe ser saldada. A cruz da igrexa? Pois é preciso un proxecto e o permiso de Patrimonio. Non é algo que sexa rápido.

De non obter maioría... Pactarían ou volverían gobernar en solitario?

Unha vez se saiban os resultados decidirémolo. Tamén é certo que amosamos estes anos que somos quen de entendernos con outras forzas políticas. Só perdemos dous debates en plenos e iso non é froito da casualidade.

Revalidaría o pacto de cidade co PP polos salarios?

O pacto co PP foi porque non fomos quen de entendernos con outras forzas para o pleno organizativo. Se se mira a outras cidades de Galicia estes pactos son habituais e non sorprenden.

Alberto Varela | “Os milagres económicos non existen. Quen di de crear miles de empregos xera falsas expectativas”

Te puede interesar