Alberto Varela | “No Ramal non haberá zonas comerciais nin de negocio; será un gran espazo de lecer para os vilagarciáns”

Alberto Varela | “No Ramal non haberá zonas comerciais nin de negocio; será un gran espazo  de lecer para os vilagarciáns”
O alcalde de Vilagarcía visitou a Redacción do Diario de Arousa | gonzalo salgado

F. Frieiro-J. Pereira


Alberto Varela Paz leva seis anos e medio ao fronte da Alcaldía de Vilagarcía e asegura que o seu futuro está na cidade “na que nacín, na que medrei e que adoro”. O rexedor socialista -tamén presidente da Fegamp- visitou Diario de Arousa para falar da súa xestión estes últimos anos e dos retos que lle quedan por diante neste mandato.

Queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais. Cre que na cita coas urnas este goberno terá concluída a folla de ruta prevista?
Hai que ter en conta que este mandato estivo marcado por unha circunstancia imprevista como foi a pandemia, o que nos fixo aos concellos ter que dedicar recursos e esforzos a combater a situación sanitaria e a crise económica que leva aparellada. Aínda así se facemos un balance penso que si podemos estar moderadamente satisfeitos porque cousas que parecían imposibles anos atrás lográronse.

Cuestións como as fricións coa Autoridade Portuaria, que parecían insalvables antes...
A ver, as institucións compóñenas as persoas e a realidade é que co actual presidente da Autoridade Portuaria dende o principio a relación foi boa. Puxemos sobre a mesa cales eran as nosas ideas e tivemos claro que había que chegar a un consenso. Un consenso no que todas as partes cederon.

E deses acordos chegou a ansiada parcela da Comandancia para o futuro Centro de Saúde. Será unha realidade en 2023?
Iso é o que esperamos. Acabamos de asinar o convenio coa Consellería e agora a Xunta ten que levar a cabo a súa parte cos procesos de licitación e demais. A nosa obriga é proceder á demolición do edificio e deixar a parcela libre de volumes. Confío en que as obras poidan comezar canto antes. Que nos gustaría que esa cesión tivese sido gratuíta? Claro que si, pero os tempos mudan e as necesidades das administracións tamén e o Porto quería financiación para levar a cabo unha serie de investimentos e todas as partes cedemos. Aínda así saímos gañando porque era imposible obter un solo urbano con esas dimensións por ese prezo.

Ese acordo tamén conlevou a compra da parcela do Ramal e a cesión dunha superficie importante no actual peirao. Que proxecto hai en mente para esa zona?
Temos claro que o proxecto do hotel para a parcela está desbotado. Falouse moito anos atrás desa cuestión, pero o certo é que eu nunca vin a ninguén que viñera da man dun grupo empresarial interesado en instalarse aí. Nós dixemos en varias ocasións que a maioría dos vilagarciáns lamentan as decisións que se adoptaron no seu día e que levaron á cidade a vivir de costas ao mar e non queremos cometer os mesmos erros. Esa zona vai mudar completamente para converterse nun lugar de esparcemento e ocio público. Ademais teño o compromiso firme do presidente do Porto para o que se faga na parte do peirao que se nos cede encaixe co que van a poñer na súa parte e que todo garde unha continuidade lóxica.

Fala de zonas de ocio... Iso significa que será un modelo TIR máis amplo?
Non, non é esa a idea. Iso está desbotado, polo menos na parte que a nós nos corresponde. O que se vai plantexar para alí son zonas verdes, de recreo e de lecer e non zonas comerciais nin de negocio. Cónstame que tampouco é iso o que quere o Porto, que busca precisamente facer cousas pequenas e sen grandes volumes.

Comentaba o tema do hotel. Cre que o feito de que non haxa prazas hoteleiras en Vilagarcía pode lastrar o tema do turismo?
Hai que ter en conta que hai un importante cambio no modelo de negocio. Vilagarcía sempre foi unha cidade de turistas con segundas residencias e agora a iso súmaselle a oferta de aluguer de pisos turísticos. Existe, e son moitos. Por suposto que sempre imos perseguir o obxectivo de que unha cadea hoteleira constrúa aquí e estes anos tanto eu persoalmente como outros concelleiros mantivemos conversas con empresarios para explorar diferentes edificios da cidade -algúns públicos- que poden ser rehabilitados para esa finalidade. Agora, está claro que cun formato máis reducido, dado que as circunstancias do mercado hoteleiro tamén mudaron.

Actuar no Ramal mudará a porta de entrada a unha praia que ten moito potencial turístico, pero que arrastra moitas eivas. Que se vai facer para solucionar os problemas da Concha-Compostela?
Hai que lembrar que anos atrás xa se deron pasos para mellorar a calidade das augas, que cremos que era algo fundamental. Certo que a liberalización de toda a zona do Ramal lle vai dar outra estética. Ademais estase traballando con Costas para acabar dunha vez por todas coa invasión desa planta que tantas molestias causa e poder levar a cabo un proxecto máis ambicioso de rexeneración do areal.

Asumiría Costas o coste desa rexeneración?
As rexeneracións dos areais son moi costosas. Bo exemplo é o que se fixo no Preguntoiro, que sendo unha praia máis pequena custou 100.000 euros. Estamos traballando con Costas para ver a posibilidade de aproveitar a oportunidade que dan os fondos europeos dado que hai liñas de axudas para a recuperación de espazos naturais degradados e pensamos que podemos encaixalo por aí.

Outro dos proxectos estrela do seu equipo é o inicio das ciclovías, que non estan exentas de críticas tanto polo seu estado como polos problemas de atascos.
Primeiro, as ciclovías chegaron para quedar. En Vilagarcía non somos os primeiros en implantalas, pero tampouco imos ser os últimos. Os cidadáns temos que acostumarnos a que a bicicleta é un medio de transporte válido como o é o vehículo privado. Pola miña experiencia sei que, por exemplo, cando se iniciaron as peonalizacións tamén houbo polémica e incluso houbo grupos políticos que recolleron sinaturas en contra de humanizar Rey Daviña. Hoxe xa nin se cuestionan. Dentro do que pide Europa para que as cidades sexan máis sostibles están as ciclovías e eu estou convencido de que co paso dos anos van ter un gran uso. Eu pediríalle á cidadanía e tamén aos grupos da oposición que tanto as critican un pouco de paciencia. Eu creo que unha gran maioría dos vilagarciáns vai estar satisfeita, porque é o camiño que levan todas as cidades europeas.

Hai previsión de continuar neste mandato coas fases que quedan por executar?
É complicado porque supón un investimento moi importante e Vilagarcía ten un orzamento limitado. Para facer esta fase tivemos que recurrir a fondos europeos. Gustaríanos seguir nesa liña, pero neste mandato vai ser difícil porque hai outras cuestións tamén nas que investir.

Falamos de proxectos conseguidos, pero hai tamén asignaturas pendentes. Haberá este ano PXOM en Vilagarcía?
Polo que nos traslada o equipo redactor eu espero que no primeiro semestre deste ano poidamos aprobar inicialmente o PXOM para abrir xa a tan desexada exposición pública.

E o convenio urbanístico coa familia Lantero. Como está?
A miña idea é, antes de facer público este punto, explicárllelo aos grupos da oposición. Dende que se dixo por parte da Xunta que incumpría a Lei do Solo levamos tempo en conversas e negociacións coa familia para tratar de chegar a unha solución alternativa que encaixe cos seus lexítimos intereses, dado que eles tiñan un convenio firmado. Agora ben, hai cuestións como a lei á que nós nos temos que adaptar.

Entón non habería PXOM ata o vindeiro mandato.
Todo depende tamén do número de alegacións que se presenten. Cabe recordar que no anterior PXOM a exposición pública e a resolución das alegacións foron dous anos. Agora temos que ter en conta que levamos moito tempo co actual PXOM e que eses trámites non deberían demorarse tanto.

Ao fío dos retrasos unha das críticas que máis lle fan dende a oposición é a dilación en licitacións e adxudicacións de obras. Por que ocorre iso?
Temos unha lei de contratos -que se modificou nos últimos anos- que conleva moitísima burocracia. Non é algo do que só nos queixemos neste Concello, senón en practicamente todos os de Galicia. A lei é moi garantista e iso dilata moito os tempos. Toda esa burocracia hai que facela co persoal que temos, que durante anos estivo limitado. Hai que unirlle que a algúns proxectos hai que darlles prioridade porque dependen dalgunha subvención e todo suma. Tamén quero dicirlle á oposición que tería estado ben que cando foron goberno tiveran sacado a licitación cousas que lles correspondían. Dende logo os maiores interesados en que os nosos proxectos saian adiante somos nós mesmos.

Fixemos repaso de cuestións que se fan ou se van facer no centro urbano, pero todos os gobernos teñen esa mantra de que non se inviste no rural...
Se poño nunha balanza os investimentos realizados nestes seis anos e medio dende logo non gaña o centro urbano. Fixéronse investimentos moi importantes no rural e podemos dicir que o 95 % do concello conta con rede de saneamento, incrementáronse a tres veces ao ano as brigadas de limpeza e levouse a cabo un plan de pavimentación de camiños no que se investiron máis de medio millón de euros. Hai traballos que se fixeron e que contan co beneplácito das asociacións e dos veciños como foron os de Pedramogueira. Incluso a humanización de Camilo José Cela, que inicialmente contou con certa oposición, agora gusta moito.

Satisfacción coa de Camilo José Cela, pero non tanto coa de Vázquez Leis en Vilaxoán...
En Vázquez Leis cumprimos co prometido de poder finalizar a obra pese aos problemas que tivemos coa empresa. Se non se chega a solucionar estaría meses empantanada porque teríamos que tela sacado de novo a licitación. Que lle faltan detalles importantes como iluminación ou un maceteiro á entrada para esa curva perigosa? Si. Pero ninguén pode dicir que esa rúa non está mellor agora que do que estaba antes das obras.

Presume vostede moito de ter conseguido o tren a Madrid, pero o ferrocarril de proximidade non pasa polo seu mellor momento.
Unha cousa non quita a outra. Eu sempre lle vou insistir a quen lle correspondan as competencias na necesidade de ter un bo servizo de transportes públicos. Fíxeno ante a Xunta polo tema dos autobuses, sen que fixesen nada, e tamén ante Adif, dende donde se me dixo que en canto fose posible se recuperarían as frecuencias que había antes da pandemia e espero que así sexa.

Sempre falan de modelo de cidade. Aparte da xa anunciada peonalización de Arzobispo Lago, teñen máis en mente?
A idea inicial xa a empezaron outros alcaldes antes ca nós como Dolores García ou Javier Gago e a nosa idea é seguir con esa liña de humanizacións e fomentar medios de transporte como as bicicletas. Son os técnicos os que, en todo caso, deben decidir o camiño a tomar. A peonalización de Arzobispo Lago está programada e a ninguén se lle escapa que debe seguir por Conde Vallellano. Iso fará que boa parte do centro urbano se recupere para os peóns. Todo iso haino que ir completando con aparcamentos disuasorios e cun bo transporte público e para iso precisamos doutras administracións.

Está claro que será o candidato á Alcaldía en 2023. Ten Alberto Varela un tope de dicir: “Ata aquí cheguei na política”?
Eu teño claro que as ideas que ten o grupo de goberno para esta cidade aínda non remataron e é moi difícil que en seis anos rematen os proxectos. Atopámonos con forzas para seguir traballando por Vilagarcía.

Entón non son certos eses rumores que falan de que vai dar o salto a outras esferas políticas...
Levo escoitando iso anos. Eu son o alcalde de Vilagarcía e estou orgullosísimo de selo. Desexo continuar co meu equipo co proxecto que temos. O meu compromiso sen dúbida está con esta cidade. 

Alberto Varela | “No Ramal non haberá zonas comerciais nin de negocio; será un gran espazo de lecer para os vilagarciáns”

Te puede interesar