Antonio Caeiro | “Fago isto para que a xente nova coñeza e saiba sobre o pasado”

Antonio Caeiro | “Fago isto para que a xente nova coñeza e saiba sobre o pasado”
Diario de Arousa-2019-10-24-007-f996eae5

Antonio Caeiro é desas persoas ás que lles gusta escoitar pacientemente a aqueles que teñen algo que contar. Desas escoitas de horas e horas gravadas coa súa cámara xurde agora un novo documental que se estreará este mesmo sábado ás oito da tarde no Salón García, no marco do Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada “Curtas”. O título “Eu tamén necesito amar” é unha xanela aberta aos pensamentos e vivencias de 22 mulleres que expresan o seu sentir en temas practicamente prohibidos na súa época como as relacións sentimentais, o sexo ou a menstruación.

“Cando rematei o documental de ‘Á volta dos 9’  quedáranme aí unha serie de historias pendentes ás que lles quería dar forma”, explica Antonio Caeiro. “Quería falar dos fillos de toda esa xente que viviu unha época de represión tremenda”.

A idea inicial de Caeiro, cofundador de O Faiado da Memoria, era reunir a varias parellas arredor da temática do amor. “Así, en xeral”. A primeira das gravacións tivo lugar en San Sadurniño. “Foi nun salón de baile, un lugar que entendiamos que era simbólico porque na época da ditadura era un lugar para a reunión e tamén para tocarse. Hai que ter en conta que tocarse era como algo prohibido”.

Caeiro explica que “empezamos alí, pero cando iniciamos a gravación caemos na conta de que os homes non tiñan nada que contar. Elas eran as que tiñan o protagonismo”.

Foi así como “Eu tamén necesito amar” se converteu no lugar de expresión de 22 mulleres de diferentes lugares da provincia de Pontevedra e A Coruña. 

Unha peza íntima
O novo documental de Antonio Caeiro non só é íntimo polas historias que contan as 22 mulleres protagonistas, senón tamén porque súa nai, Pura Rodríguez, é o fío condutor dunha peza audiovisual que é toda unha viaxe pola memoria. “Cando lle dicía a miña nai que me contara a súa historia ela sempre me dicía que non tiña interese para ninguén”, sinala Caeiro. “Recollín parte desas historias, ás que puiden, porque durante ese tempo miña nai morreu. Son cousas que vas deixando porque pensas que tes todo o tempo do mundo”, recoñece Caeiro. De feito unha das escenas máis potentes do documental que se presenta o sábado no Salón García é, precisamente, a filmación do enterro de Pura. “O documental mostra cuestións moi íntimas”, sinala o director. De feito no momento das entrevistas gravadas explica que “moitas das cousas que nos contaban esas mulleres nin os seus propios fillos, que estaban presentes mentres gravabamos, sabían delas”.

Cunha conciencia profunda e destacada do que significa a memoria dende que era moi novo Antonio Caeiro explica que “eu fago estes documentais para a xente nova, aínda que é certo que a xente maior ven moito a velos. Fágoo para os novos porque quero que saiban que o que hai hoxe non naceu hoxe, que vén do pasado” e recalca que “a xente nova normalmente pensa que sempre ten tempo para preguntar e non é así. As cousas cambian nun instante”.

“Eu tamén necesito amar” aspira a facerse cun dos galardóns do certame do Curtas deste 2019. “Presentámonos ao concurso”, sinala Caeiro. A idea é que esta primeira proxección sexa a primeira de moitas abertas ao público.

Antonio Caeiro | “Fago isto para que a xente nova coñeza e saiba sobre o pasado”

Te puede interesar