O Auditorio acolle o domingo a peza teatral “Gaivotas subterráneas”

O Auditorio acolle o domingo a peza teatral “Gaivotas subterráneas”
Copia de Diario de Arousa-2013-12-10-008-d8f2a4df

O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle o domingo a partir das oito da tarde a representación teatral da peza “Gaivotas subterráneas” interpretada polos coñecidos actores da serie Matalobos, Luis Iglesia e Xabier Vence. A peza versa sobre a historia de dous amigos da infancia que se reencontran despois de moitos anos sen verse. É entón cando un deles propón un trato truculento que virá da man dun humor negro moi propio da terra. Así o explicaban onte os dous actores ao mesmo tempo que sinalaron que “é unha obra que ten unha duración aproximada de hora e media, pero que a todo o mundo se lle fixo curta”.
É previsible que o pase de Vilagarcía sexa o último que esta peza faga nun itinerario que comezou hai case un ano na Coruña. Os artistas tamén destacaron que “o público ten un valor moi importante nesta obra, así como tamén a esceneografía que é moi completa e cunha combinación de luz e técnica moi axeitada”.
As entradas para acudir ao espectáculo xa están á venda no taquilleiro electrónico de Servinova, pero tamén se poden adquirir o mesmo día da función no Auditorio dúas horas antes do comezo da mesma. Os prezos son de 8, 5 e 3 euros dependendo de se se corresponden á zona A, B ou C.
A concelleira de Cultura, Rocío Llovo, destacou na presentación a ilusión de que artistas deste renome e cunha obra de calidade poida recalar no Auditorio Municipal que se nutre de actividade cultural coincidindo coas festas de Nadal e coas vacacións dos máis pequenos.

O Auditorio acolle o domingo a peza teatral “Gaivotas subterráneas”

Te puede interesar