Batallán: “O galego é un idioma que ten unha musicalidade especial”

Batallán: “O galego é un idioma que ten unha musicalidade especial”
Diario de Arousa-2017-05-11-008-f3c13710

Emilio Batallán foi o primeiro “superventas” galego. Así o definiu, e non sen razón, a concelleira de Cultura, Sonia Outón. Con temas tan populares como “Aí ven o maio”, onde musica un poema de Curros Enríquez, ou “Quen puidera namorala”, versión de “No niño do vento”; de Álvaro Cunqueiro, chegou a vender medio millón de copias. Algo moi difícil de conseguir na era dixital e cun disto integramente cantado en galego. Un idioma que Batallán defende non so nun eido sentimental, por apego á terra, senón tamén de xeito práctico.
“Animo aos pais a que ensinen galego aos seus fillos, é un idioma que chega a 300 millóns de persoas”, asegura o músico compostelán afincado en Moraña. Tamén no ámbito laboral defende as bondades da lingua nai. “Non sei se algún día cantarei en inglés, pero o galego é un idioma cunha musicalidade especial”.
 Batallán será o prato forte do programa das Letras Galegas que onte presentou xunto á concelleira de Cultura. O músico estará o próximo mércores en Carril, onde dará un concerto gratuíto na Praza da Liberdade. En caso de choiva trasladarase ao local do Gato Negro. Será unha actuación en galego na que soarán os seus temas máis coñecidos, pero tamén algúns temas doutros discos, como “Había que chegar”. O músico mostrouse satisfeito de actuar nunha ocasión tan especial. “Nunca se escoitou tanta música como agora e nunca se valorou tanto o directo. É o futuro”, asegurou Luis Emilio Batallán.
Intenso programa
Batallán será o acto central dun  intenso programa polas Letras Galegas que organiza a Concellería de Cultura. Comezará o luns 15 coa inauguración, na sala de exposicións da Biblioteca, dunha mostra bibliográfica de Carlos Casares, autor ao que se adica este ano o Día das Letras Galegas. Estará en Vilagarcía ata o día 31. O martes 16 o Conservatorio ofrecerá o concerto fin de grao no Auditorio; ao día seguinte, mércores 17, os actos centralizaranse pola mañá en Carril, con pasarrúas ás 11 horas, a conferencia de Arantxa Serantes no Gato Negro ás 11:30, actuación da Rondalla ás 12:30, Batallán ás 13 e ofrenda floral ás 14, no busto de Rosalía. Pola noite, no Salón García, proxectarase “Os días afogados”, en colaboración con “Ádega”. O xoves, na Praza de Galicia, representarase “A galiña azul”, de Casares, e no Auditorio, pola mañá, os alumnos de institutos verán a obra de teatro “Falar sen cancelas”. O venres os escolares rendirán homenaxe a Casares e o martes 23 Henrique Monteagudo presentará un libro sobre o autor ourensán.

Batallán: “O galego é un idioma que ten unha musicalidade especial”

Te puede interesar