O BNG busca que o Consello da Cultura sexa un órgano vinculante

O BNG busca que o Consello da Cultura sexa un órgano vinculante
Xabier Ríos, do BNG, durante unha intervención no Pleno da Corporación |

O BNG de Vilagarcía proporá de modo formal ao goberno local que o futuro Consello da Cultura sexa un órgano vinculante, e non unicamente consultivo. Esta é unha das premisas básicas que os nacionalistas defenderon onte pola tarde no marco dunha reunión mantida con diferentes colectivos e entidades culturais da cidade coa fin de avanzar no borrador dos estatutos dun órgano cuxa creación foi aprobada no Pleno.
O voceiro municipal do Bloque en Vilagarcía, Xabier Ríos, explica que “somos conscientes que dende o goberno non está polo labor de converter este órgano en vinculante, senón que queren que sea meramente consultivo”.


A idea de conformar un Consello da Cultura en Vilagarcía foi levada a Pleno polo grupo municipal de Esquerda Unida, aínda que ben é certo que son os nacionalistas os que tras aquela aprobación levaron a voz cantante no tema con varias reunións cos colectivos interesados.


Vencellado ao Regulamento
A creación do Consello da Cultura local é un dos puntos que figura no Regulamento de usos de locais socioculturais que foi aprobado no último Pleno da Corporación co apoio da meirande parte dos grupos do hemiciclo.


A idea é que o Consello da Cultura conte coa representación dilatada da expresión cultural do municipio e que sexan os seus membros os que poidan decidir sobre cuestións relativas a programación, eventos, espectáculos e demais.


Estas reunións que o BNG está mantendo cos colectivos buscan sumar ideas e propostas e tamén determinar uns estatutos base para o funcionamento deste novo órgano. Pese a que a intención dos nacionalistas é que o ente teña caracter determinante, o certo é que o goberno amparábase na lexislación para incidir en que só podía ter unha tipoloxía consultiva.

O BNG busca que o Consello da Cultura sexa un órgano vinculante

Te puede interesar