O BNG enmenda o orzamento da Xunta e pide 25 millóns máis para a zona do Salnés

O BNG enmenda o orzamento da Xunta e pide 25 millóns máis para a zona do Salnés
Montse Prado nunha rolda de prensa anterior | m. ferreirós

Arredor de 25 millóns de euros en total é a partida que o BNG considera que debe incluírse nos orzamentos da Xunta para dar resposta ás demandas máis urxentes da comarca do Salnés. A deputada no Hórreo, Montse Prado, e o responsable comarcal, Manuel Domínguez, presentaron a batería de enmendas ás contas autonómicas que teñen que ver directamente co Salnés e entre as que se establecen como prioritarias cuestións relativas á sanidade, a infraestruturas, a cultura e educación e ao sector do mar. Prado foi a encargada de debullar con detalle algunhas das cuestións. “Cando o PP presentou o orzamento vimos que eran unhas contas desfavorables para O Salnés e que non respondían ás necesidades da comarca”, indicou. Sinalou así a necesidade dun segundo técnico de ambulancia medicalizada, un plan de choque para a atención primaria na área Pontevedra-O Salnés, a restitución da unidade de prevención do suicidio ou o aumento e mellora das especialidades no Hospital do Salnés. E non só iso, Prado destacou que “o PP é moito de titulares de prensa, pero o que vemos é que non hai nin un só euro para a construción dos centros de saúde de Vilagarcía ou de Meis”. Tamén fixo especial mención ao do Grove ao que apuntou como “quilómetro 0 da situación sanitaria na comarca e cunhas instalacións tercermundistas”.


En materia de infraestruturas e mobilidade os nacionalistas reclaman partidas específicas para un plan integral para a mellora da calidade das augas no río Umia ou que se mellore a seguridade viaria na comarca en puntos como poden ser Bamio ou Agustín Romero, respondendo así a demandas veciñais históricas. Prado tamén destacou a importancia de investir na rexeneración da Ría e de recuperar bancos marisqueiros como son o do Facho ou o do Saco de Fefiñáns en Cambados.


No ámbito cultural reclaman melloras concretas para centros educativos e tamén insisten na necesaria dotación do cuarto xulgado para Vilagarcía e do remate da concentración parcelaria (que leva xa anos) en puntos concretos de Arousa como pode ser a de Catoira.

O BNG enmenda o orzamento da Xunta e pide 25 millóns máis para a zona do Salnés

Te puede interesar