Candidatos e peóns en campaña

Candidatos e peóns en campaña
Diario de Arousa-2015-05-17-007-5dc1c308

Fronte ás filigranas dos grandes partidos ou a ostentación na cartelería e no merchandísing que se respiraba en comicios anteriores, as municipais do 2015 estanse a caracterizar pola austeridade e polo uso de medios propios para facer chegar o programa e a mensaxe dos candidatos ao electorado. Non obstante, e pese á crise, as grandes agrupacións contan con medios económicos e humanos que serven incluso para contratar empresas que se encargan da colocación das bandeirolas ou de buzonear os votos polas vivendas. Non ocorre isto coas agrupacións pequenas, como a maioría das que existen nas comarcas arousás, en donde os candidatos se converten estes días en verdadeiros “peóns de campaña” tendo que, incluso compatibilizar as súas vidas laborais nos seus postos de traballo coa pegada de carteis, configuración dos “flyers”, reparto de papeletas ou incluso gravación da megafonía. É o caso, por exemplo, de Independentes por Pontecesures, que encabeza Maribel Castro. “Nós o que funcionamos é moito porta por porta, falando cos veciños”, sinala. Unha tarefa que require tempo e moitas gañas de camiñar. En Ribadumia a pequena agrupación do Partido Socialista vive unha situación similar. O seu candidato, José Ramón González Lede, apunta que “Os carteis, as bandeirolas e as pancartas colócanse polos membros da agrupación, de xeito voluntario. Por iso non aparecen todas colocadas dun día para outro, que sería o ideal, senón que as vamos poñendo cando dispoñemos de tempo”. E é que aqueles candidatos que traballan en empresas privadas non contan, necesariamente, co permiso laboral para facer campaña como si ocorre cos traballadores públicos. De feito o candidato de EU en Vilagarcía, Jesús López, terá que combinar o seu traballo en Lantero co de candidato á Alcaldía.
     En O Grove a agrupación de Fredi Bea, o Partido Galeguista Democráta, tamén bota man de fondos propios. “Non usamos carteis, pero si pancartas e bandeirolas e poñémolas nós mesmos. Ademais temos que combinar todo isto coas visitas que facemos aos veciños e aos colectivos”, manifesta.
     No BNG da capital arousá optaron nesta ocasión por “buzonear” eles mesmos as casas cos votos. A candidata, María Villaronga, sinala que “somos coma formiguiñas. Contamos coa axuda dos militantes e dos simpatizantes para facelo todo. Queremos que a nosa mensaxe chegue ben e por iso optamos polas reunións cos colectivos”.
      En Somos Maioría Vilagarcía, unha das coñecidas como “mareas cidadás” que se presentan na comarca, o seu candidato Gaspar González Somoza foi o encargado de gravar a mensaxe que se está a difundir mediante a megafonía, aínda que o de ser actor de dobraxe axudouno bastante. “Non temos os grandiosos carteis feitos en plástico e cun soporte para as farolas que empregan os partidos grandes. Nós temos que improvisar con carteis de papel plastificado, bridas, unha escaleira e non terlles medo ás alturas”, explica.
     No que coinciden todos é no uso das novas tecnoloxías como ferramenta básica para difundir, de xeito barato. Facebook, Twitter e incluso Youtube nalgúns casos serven como plataforma para as pequenas agrupacións. O de cantas horas lle dedican ao día á campaña estes días nin eles o saben. O candidato do PSOE de Ribadumia resúmeo ben apuntando que " creo que incluso lle adico horas da noite. E de sono!". E así ata o 24. Comeza a conta atrás.

Candidatos e peóns en campaña

Te puede interesar