Entre a ciencia e o poder das palabras

Entre a ciencia e o poder das palabras

Palabras para a ciencia. Este podería ser o título da xornada de onte, que no ámbito educativo estivo marcada tanto polo aspecto científico como polo literario.
A primeira das vertentes tivo por protagonistas aos cativos do colexio Piñeiriño, que tiveron unha clase do máis orixinal gracias as súas mestras, que non dubidaron en vestirse con chamativas cores para convencer aos seus alumnos do divertida que pode chegar a ser a ciencia.
O resultado foi o esperado. “Todos queren ser científicos. Polo menos polo de agora”, aseguraba unha das promotoras desta iniciativa, que baixo o nome “Expiriciencia” pretende promover a investigación desde as edades máis novas.
Para elo contan coa axuda de “Ribosoma” e “Mitocondria”, dúas personaxes creadas por estas mestras que adicaron a xornada de onte a repartir letras entre as aulas.
Unhas letras que conteñen un segredo que agora os alumnos teñen que desvelar. Unha vez que compoñan a palabra escondida saberán o tema do seu próximo proxecto de investigación, entre os que hai cuestións tan cotiás como os grupos sanguíneos, pero tamén outras menos coñecidas.
“Trátase de introducilos no tema cun pouco de humor”, explicaba unha das mestras. Nos próximos meses, os alumnos levarán a cabo o proxecto a través de distintas actividades, algunhas das cales serán no exterior.
A cultura e a literatura galega centrou a actividade no instituto de Fontecarmoa, á que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón. Unhas xornadas que, abordaron a figura do escritor e intelectual que da nome ao centro: Fermín Bouza Brey.
Antón Lopo, o seu biógrafo, afondou sobre diversos aspectos da súa figura mentras que Anxo Angueira destacou a relación existente entre Bouza Brey e Rosalía de Castro e Carlos Callón falou da “vivencia da homofobia” na obra do escritor. As xornadas clausúranse hoxe cun recital poético.

Entre a ciencia e o poder das palabras

Te puede interesar