O colectivo pola Memoria acudirá á Xustiza ao negarlle Ravella a colocación duns paneis

O colectivo pola Memoria acudirá á Xustiza ao negarlle Ravella a colocación duns paneis

A Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica agotará todas as vías e recursos contra a resolución do goberno local de Vilagarcía de non autorizar a colocación duns paneis informativos e divulgativos nos Martices e en Loenzo dentro do proxecto dos “Roteiros da Memoria”.  O conflito podería incluso chegar ao tribunal do Contencioso. Os membros do colectivo cidadán comparecían onte publicamente arroupados por voceiros e edís dos grupos municipais de Esquerda Unida, BNG, Somos Maioría e tamén por membros de Podemos e En Marea. Xosé Castro Ratón exerceu como voceiro do grupo para denunciar o que eles consideran unha “decisión arbitraria, inxusta e cruel” do executivo socialista.
Por escrito o colectivo recibía estes días a decisión adoptada no marco da Xunta Local de Goberno e ao respecto apuntan a “obriga de supervisar os elementos que coloquen na vía pública”. O colectivo si conta, pola contra, coa autorización da Axencia Galega de Infraestruturas (Xunta de Galicia) para colocar o panel nos Martices. No caso de Loenzo non é preciso o permiso ao atoparse o lugar nunha parcela particular. Na resolución de Ravella advirten de que, de colocarse os paneis, se enviará a empregados municipais a retiralos.
A Iniciativa Cidadá defende que os paneis divulgativos foron pagados integramente polas aportacións que fixeron os veciños de forma desinteresada, sen contar con fondos públicos. Ao respecto do contido dos mesmos alega Castro Ratón que son “elementos nos que se recollen testemuños, elementos de carácter visual e algún literario”. Engade que “non son opinións subxectivas nin tampouco hai elementos de crítica aos verdugos, senón que é todo a favor das vítimas”  e que “como é lóxico, respétase a forma idiomática das persoas que falaron”.
     O colectivo pola Memoria invita ao goberno local a depoñer a súa actitude e a rectificar na decisión adoptada hai uns días. “A nós pillounos todo isto por sorpresa porque houbo unha relación fluída entre este colectivo e o goberno e non se nos dixo en ningún momento que non se nos iba a permitir a colocación destes paneis”, sinalan.
De feito a Iniciativa Cidadá fala “dunha man negra, de argumentos escuros que non se poden soster publicamente” para falar da actitude do Concello. É máis, apuntan que a decisión responde á “censura, á mordaza, ao autoritarismo e á negación do dereito á liberdade de expresión”.
A autora da investigación que se reflite nos paneis, Margarita Teijeiro, advirte que “a investigación fíxena eu e non a vou consensuar con ningún equipo de goberno. É unha investigación avalada por un proxecto universitario e tamén por historiadores como Gustavo Hervella ou Xurxo Pantaleón”.
Coa negación do permiso por parte do Concello sobre a mesa o  colectivo pola Memoria manterá o acto de colocación do panel dos Martices previsto para hoxe ás 11.30. “Por responsabilidade moral e asumindo todas as consecuencias”, sinala Castro Ratón. Non se poñerá o panel de Loenzo porque “ante esta situación, e pese a que se trata dunha propiedade particular, non queremos poñer nun apuro á familia desa parcela”. n

O colectivo pola Memoria acudirá á Xustiza ao negarlle Ravella a colocación duns paneis

Te puede interesar