Crítica | Antón Patiño: de miradas habitadas e labirínticos manifestos

Crítica | Antón Patiño: de miradas habitadas e labirínticos manifestos
Unha das obras pertencentes á mostra “Habitar o labirinto” de Antón Patiño no Pazo de Torrado | gonzalo salgado

Cando nos achegamos á figura de Antón Patiño (Monforte de Lemos, 1957) enseguida podemos ver o compromiso vital que ten coa arte, a súa responsabilidade como un dos artistas plásticos máis salientables do panorama nacional e a súa procura constante dos vieiros expresionistas no ámbito pictórico, estético e conceptual. E o Pazo Torrado de Cambados acolle ata o 15 de setembro unha exposición deste artista, que leva por título “Habitar o labirinto”, xa visitada por un amplo número de público. Logo, nuns meses, o Centro Galego de Arte Contemporáneo acollerá unha importante mostra da súa obra.


Está considerado como un dos renovadores da arte española, como un dos fundadores do grupo Atlántica (1980) e unha longa e interminable lista de exposicións individuais e colectivas que o levaron polas grandes capitais europeas e súa obra pódese atopar en diversos museos e fundacións tanto ámbito nacional como internacional.


O expresionismo conceptual de Patiño, definido así polo crítico e profesor estadounidense Donald Kuspit, trasluce as pescudas nese estar cohabitado entre a arte e a vida, sendo todo unha mesma cousa. A vinculación cos movementos neoexpresionistas do último tercio do século XX, coma os Novos Salvaxes alemáns, son palpables. Con xesto expresivo pero sintético, os elementos simbólicos aillados, a presenza dunha escritura pseudo-rúnica, elementos estos universalmente recoñecidos, toman corpo e presenza na súa pintura. Esquemáticamente rexidos pola lei estética de cor, forma e disposición, os signos e símbolos obxectuais e antropomórficos convértense en elementos fetiche aos que recurrir, compoñendo o espazo, habitando o lenzo.

“Habitar o labirinto” é unha selección de obras pensando no labirinto de estancias/habitacións do Espazo Torrado. Un percorrido pola memoria visual dun dos grandes pintores da arte contemporánea en España.

Como escritor leva publicados case trinta libros, entre ensaios, monografías e cómics ou fanzine. Vén de publicar o “Manifiesto de la mirada. Hacia una imagen sensorial” (Fórcola, 2018), unha continuación do seu anterior “Todas las pantallas encendidas. Hacia una resistencia creativa de la mirada”. O texto deambula entre o manifesto, entre a reivindicación de volver a mirar coa inocencia coa que mirabamos antes da era neotecnolóxica, deste caótico ruido visual e a busca das relacións e nexos entre disciplinas artísticas, literarias e de pensamento, facendo un percorrido entre algúns dos seus protagonistas.


Son escritos de gran carga filosófica, estética e, poderíase dicir, histórica, que nos fai reflexionar sobre o mundo no que vivimos. Da arte e da vida, da arte como forma de vida ou a vida coma obra de arte. Modos de ver. Modos de mirar. Cada época ten a súa.

Horario
A exposición poderá contemplarse no horario habitual de apertura ao público sala cambadesa, é dicir, de martes a venres, en horario de 11:30 a 13:30 horas e de 18 a 20 horas; e os sábados, domingos e festivos de 18 a 21 horas.

Crítica | Antón Patiño: de miradas habitadas e labirínticos manifestos

Te puede interesar