Danza, música e cine... Non todo vai ser Entroido en Vilagarcía

Danza, música e cine...  Non todo vai ser Entroido en Vilagarcía
Diario de Arousa-2019-02-08-008-c8ffc64c

Coa idea de ir quentando motores para o vertixinoso mes de marzo que lles espera aos vilagarciáns en materia de actividades vencelladas ao Entroido a Concellería de Cultura ten preparada para este mes de febreiro unha programación na que hai cine, danza e moita música. Todas elas organizadas a través de asociacións externas ou de convenios de colaboración asinados entre o Concello e outras entidades.

A primera parada da programación cultural é mañá no Auditorio a partir das nove da noite. É da man da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía que trae ata o escenario municipal ao violín Ori Wissner-Levy e ao violonchelista Mon Puo Lee, que actuarán a dúo. A entrada é de balde para os socios da Sociedade e o público xeral deberá abonar unha entrada de 18 euros. Xusto unha hora antes, ás oito, os dous artistas compartirán as súas experiencias e vivencias musicais co público.

A música segue a ser a protagonista o venres día 15 a partir das nove e media da noite no Salón García e co gallo da celebración de San Valentín. Será a chamada “Noite de Boleros” cos grupos Orquestra de Pulso e Púa Arousa, o Orfeón de voces graves de Arousa e Arosa Bay. Os tres interpretarán un repertorio cheo de boleros románticos. A entrada é de balde e aberta para os asistentes.

Xusto ao día seguinte, no Auditorio e ás nove da noite, terá lugar a Gala Benéfica de Danza da Asociación Española contra o Cancro cun prezo único de 5 euros e na que participan un total de sete agrupacións.

Como non podía ser doutro xeito o cine tamén o cine ten cabida nas tarde-noites de febreiro. O mércores 20 chega ao Salón García unha nova proxección do Cineclube Ádega. Será ás nove da noite co filme “El Insulto”. A entrada para os socios é de balde e o resto terán un custo de 4 euros. O sábado 23 o baile tradicional toma o Auditorio coa Asociación Fontefría de Guillán coa posta e escena do mellor do ballet clásico e do baile galego.  Febreiro tamén é o mes de inauguración do “Achégate ao Salón”, con Joe Crepúsculo o día 24.

Danza, música e cine... Non todo vai ser Entroido en Vilagarcía

Te puede interesar