David Oliveira: “Non ocuparemos ningún asento retribuído nin cambiaremos pactos por salarios”

David Oliveira: “Non ocuparemos ningún asento retribuído nin cambiaremos pactos por salarios”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-b2ba7382

David Oliveira colle o bolígrafo coa esquerda, pero asegura que o seu é “o centro”. Este vilaxoanés é o candidato de Ciudadanos á Alcaldía de Vilagarcía e móstrase optimista respecto das posibilidades da formación para entrar por primeira vez no hemiciclo municipal. Fala de programa, de ideas para a cidade e tamén das posibilidades de pacto despois dos comicios do día 26.

Non é a súa primeira vez en política. Estivo militando en Ivil e colaborou nalgunha campaña co Partido Popular...

Co PP colaborei unha campaña na que nos pediron axuda cando houbo un acordo con Rivera Mallo nese momento. Estiven no comité de campaña, pero nin simpaticei nin me afiliei nunca a ese partido. Fíxeno naquel momento como un favor persoal a Rivera.
 
E por qué agora Ciudadanos?

Eu sempre dixen que a nivel nacional me sentía un orfo político. Non había unha opción de centro que pensase como penso eu. Por iso cando apareceu Ciudadanos empecei a seguilo en redes e entusiasmoume a mensaxe. Aí foi o momento de dar o paso e afiliarme.

Os datos das eleccións xerais mostran que Ciudadanos é unha formación en alza a nivel estatal.

Credes que en Vilagarcía hai oco para un novo partido como é o voso?
Si, claro que si. É o momento de Ciudadanos e nós o que ofrecemos é diálogo con todo o mundo. É o momento en que hai que poñer dacordo a oito candidaturas diferentes para pensar nunha Vilagarcía máis aló de catro anos e iso só se pode facer con pactos de cidade de verdade, non coma o que fixeron hai catro anos con reparto de salarios o PSOE e o PP.

Que cres que fallaron estes catro anos de mandato do PSOE?

Pois fallaron moitas cousas. Non se apostou polo emprego de verdade e non se tivo previsión á hora de humanizar. Nós estamos a favor, pero cunha previsión e non provocando un problema de tráfico. Iso hai que arranxalo.

Cal é a súa aposta nese sentido? Como se solventaría ese problema de tráfico?

Nós o que apostamos, e é moi complexo, é por facer unha avenida paralela a Rosalía de Castro. É o único xeito de desestrangular esa zona e a rotonda do Ramal. Gustaríanos que se empezase a proxectar dende a Xunta ou dende Fomento. A nosa idea é que discurrirá polo trazado da vía do tren vella e faremos as xestións que sexan necesarias para conseguilo. Sería unha cousa a estudar polos técnicos. O que si é que o problema que temos agora vai ir a máis se seguimos así. 

Fala de que detectan eivas en materia de emprego. Cales son as súas propostas nesta área?

Nós queremos pór en marcha o que chamamos Vilaemprega, un proxecto que reúna de modo permanente ás asociacións empresariais, ao goberno, ao Porto... A todos os entes que teñen algo que dicir nisto. A ídea é traballar en varios eidos: na orientación laboral, na formación profesional a través de escolas taller, no emprego e desarrollo empresarial e por último na promoción económica. Este modelo funciona noutras cidades e púxose en marcha con moito éxito, por iso nos gustaría importalo. Fai falta moito diálogo.

Un diálogo polo que Concello e Porto non pasan o mellor momento a día de hoxe...

Non, non existe. E é unha pena porque son dúas institucións básicas. O que pasa é que están defendendo siglas políticas e a veciñanza cánsase.

O turismo é outra das asignaturas pendentes na cidade. Teñen ideas para potencialo?

Primeiro nós cremos que é moi importante mellorar o saneamento que afecta directamente a como están as nosas praias. Temos á xente adecuada para encabezar nós ese tipo de actuacións.  Unha vez saneada a praia hai que potenciala traendo actividades. Ademais, na parte máis pegada ao Ramal, queremos facer unha zona para mascotas. Que Vilagarcía sexa unha cidade amiga dos animais e darlles así os seus espacios. Sabemos que existe un turismo dese tipo e queremos apostar por el.

E iniciaremos outro mandato sen o centro de saúde. Cal é a ubicación idónea?

Na Comandancia descartámolo. O problema de tráfico é xa moi grande en Vilagarcía como para acrecentalo aínda máis. A nosa preferencia é que, unha vez se traslade o cuartel a Fontecarmoa, amplialo donde está e mellorar as comunicacións de transporte público. De feito é algo que tamén levamos no programa porque entendemos que a nivel municipal si se pode actuar e crear unha liña circular de autobús, cun billete integrado, que una os diferentes puntos da cidade, rural incluído.

O rural, que parece sempre o gran esquecido nos programas electorais das formacións mandato tras mandato...

A nosa premisa é que ningún veciño estea sen servizos básicos e isto inclúe sobre todo o rural. Os veciños das parroquias non piden imposibles, senón cousas razonables. Imos poñer prioridade nesas actuacións antes de facer calquera obra estética. E se no centro hai que actuar, será en arreglar o problema de saneamento.

Poñámonos nun escenario despois das eleccións no que Ciudadanos consiga representación na Corporación. Hai liñas vermellas para os pactos?

A nós gustaríanos facer pactos de cidade que vaian máis alá de catro anos. Vamos a impulsar un modelo de cidade entre todos, non podemos facer un parchís. Non pode chegar un e poñer formigón oxidado, outro losetas... entre todos hai que dar unha forma de ser a Vilagarcía. O que temos moi claro é que, se non gañamos, non imos ocupar ningún asento retribuído nin aceptar pactos coma o do PSOE-PP por salarios.

David Oliveira: “Non ocuparemos ningún asento retribuído nin cambiaremos pactos por salarios”

Te puede interesar