Un debuxo da nena Irene Sanmarco ilustrará o cartel da Batalla de Casaldeirigo 2018

Un debuxo da nena Irene Sanmarco ilustrará o cartel da Batalla de Casaldeirigo 2018
O cartel gañador é autoría de Irene Sanmarco Miguéns |

Un debuxo elaborado pola nena Irene Sanmarco Migués, de 11 anos e veciña de Baño, será o que este ano ilustre o cartel anunciador da Batalla de Casaldeirigo. A pequena proclamouse gañadora do concurso de debuxo organizado para elixir a cartelería do que é a recreación histórica máis importante de Valga e que se celebra o vindeiro día 26.
Irene, que concorreu ao certame baixo o lema “Un pobo unido xamais será vencido”, quixo destar a figura feminina como protagonista da súa obra. Este feito foi valorado de xeito moi especial polo xurado, integrado por representantes do Concello e da asociación Heroes de Casaldeirigo.
Tamén se tivo moi en conta a calidade da ilustración e a capacidade creativa da autora. De feito Irene Sanmarco xa ten gañado outros certames de debuxo convocados polo Concello.
Outros galardóns
O segundo debuxo con mellor valoración por parte do xurado foi o de Samuel Rial Otero, de 13 anos e veciño de Vilarello, mentres que o terceiro posto recaeu en Xoel Seco García, de Pontecesures. Os tres recibirán vales de compra para material escolar.
Ao concurso, dirixido a nenos de ata 16 anos de idade, presentáronse un total de oito debuxos. O cartel será agora distribuído por diferentes canles para anunciar a celebración da batalla á que acoden colectivos de diferentes puntos de Galicia.

Un debuxo da nena Irene Sanmarco ilustrará o cartel da Batalla de Casaldeirigo 2018

Te puede interesar