“Deixarse levar polo medo non te vai facer sobrevivir. Non hai que obsesionarse”

“Deixarse levar polo medo non te vai facer sobrevivir. Non hai que obsesionarse”
María Jesús García Ouro é a psicóloga do Centro de Información á Muller de Caldas | cedida

María Jesús García Ouro é a psicóloga do Centro da Información á Muller de Caldas, un concello pioneiro á hora de pór en marcha un servizo de atención psicolóxica por vía telefónica para axudar a todas as persoas nesta situación de emerxencia sanitaria, a ofrecer resposta ao medo e alternativas de distracción ao confinamento obrigado. María Jesús García fala dende un punto de vista profesional para ensinar como se pode afrontar o medo e a ansiedade polo descoñecido.

 

Ante unha situación atípica como a que estamos vivindo o medo é un sentimento habitual. Como se pode combater?

O medo é difícil de combater, sobre todo nas primeiras etapas, pero o certo é que se acaba co medo con sentido común e evitando sobre todo obsesionarse. Continuamente se está dando información dos mortos e iso contribúe a incrementar esa obsesión. O importante é asumir un problema e revisar a realidade de cadaún. O que está claro é que deixarse levar polo medo non te vai facer sobrevivir. Hai que estar informado, si, pero tamén manter unha vida alineada, continua e sana. Buscar axudar a outros ou facer actividades, ler...



Digamos que estar vendo sempre as noticias ou chequeando as redes sociais en busca de datos novos non axuda...

No, dende logo. O ser humano acostuma a quedarse só coa parte máis perversa e dura e iso incrementa a angustia. Informarse? Por suposto, pero sempre en medios serios e oficiais e con criterio. Non porque teñas tos tes que pensar que tes coronavirus. En internet xa parece que se che fai un diagnóstico de se tes ou non a enfermidade e iso non axuda.



A crise sanitaria levounos a unha situación de confinamento. Como se pode sobrelevar tanto tempo o de estar pechado na casa?

É unha situación moi difícil. Ademais non podemos esquecer que a xente ten que estar convivindo 24 horas ao día durante varios días. E iso, claro, non hai amor que o resista. A fatiga, o medo e o confinamento fan que dalgunha maneira nos volvamos máis irritables e susceptibles. O bo é sentar a pactar uns horarios e incluso, aínda que vivas nun piso de 60 metros cadrados, ter un tempo para estar só. O que intento trasmitirlle á xente que o está pasando mal é que este é un momento como de guerra e que nas casas somos compañeiros de trincheiras.



Unha convivencia que se fai se cabe aínda máis difícil cando ademais dunha parella hai nenos de por medio...

Os nenos teñen unha capacidade de adaptación amplísima. O que teñen que facer os pais é un programa de actividades semanais. Que asuman que poden facer tarefas domésticas, botar unha man, estudar e tamén xogar, claro. Se se teñen que refuxiar un pouco máis na tablet ou nos debuxos en determinado momento pois tampouco está mal, porque as normas xerais neste caso non valen.

Tamén hai que lembrarse das familias monoparentais. Mulleres soas, que no poden ir a traballar e que son unha realidade altísima en Caldas e en Galicia. Pouco se fala delas, pero están aí. Ademais hai moita xente que non ten internet, que non ten acceso a el e iso dificulta o confinamento. Por iso, ante a falta destas tecnoloxías, quédanos botar man de recursos primarios como a lectura e outros xogos. Non temos moita máis saída.



E as persoas maiores?

A xente maior está máis preparada ca nós para afrontar situacións coma esta. Os dramas están nas residencias porque non se intervén a nivel saúde, pero a xente que maior que vive soa leva moitos anos nesa situación. Ten as súas rutinas, teñen o día organizado ao seu xeito. As persoas coas que falo teñen máis angustia polos seus que por eles.



Cre que esta situación vai traer consecuencias a longo prazo a nivel psicolóxico?

Un dos problemas é que solucionar o tema do coronavirus non está nas nosas mans. Hai xente que pasou por verdadeiras desgracias na súa vida e que agora din que choran por isto. Por que? Pois porque estamos nas mans da política sanitaria e con escaso marxe para facer algo. A nivel psicolóxico penso que o mes de abril vai ser dramático. Pasado o primeiro mes vai haber un pico de angustias, de desesperación, de ansiedade e de pánico. A min preocúpanme as condicións emocionais coas que van saír as persoas despois disto, sobre todo as que viven soas.


 

O teléfono de atención psicolóxica do Concello de Caldas é o 986 53 08 14 e o 637 21 48 57. Moraña tamén acaba de habilitar un no 605 869 584.
 


 

“Deixarse levar polo medo non te vai facer sobrevivir. Non hai que obsesionarse”

Te puede interesar