A Deputación abre unha nova liña de axudas para aplicar a compostaxe de modo gradual

A Deputación abre unha nova liña de axudas para aplicar a compostaxe de modo gradual
Representantes da Deputación presentaron a nova liña de axudas para a compostaxe |

A Deputación de Pontevedra abrirá no presente ano 2018 unha nova liña de axudas para os concellos adheridos ao Plan de Compostaxe Revitaliza. O vicepresidente da administración, César Mosquera, mantivo onte un encontro con responsables municipais dos 36 gobernos locais da provincia que están a apostar polo novo modelo de tratamento de residuos potenciado pola institución dirixida polo bipartito PSOE-BNG.
No tocante á comarca do Salnés será unicamente o Concello do Grove o que pasará á xestión ao 100 % dos seus recursos orgánicos á compostaxe. Agora, cumprida esa fase, ábrese a porta a que os concellos restantes poidan seguir avanzando sen ter que involucrarse de xeito tan ambicioso, senón con pasos parciais aplicando a compostaxe en zonas con dimensións axustadas e viables. Mosquera incidiu en que “o ano 2020 está aí, e por imperativo legal no 2020 polo menos o 25 % dos residuos urbanos hai que compostalos”.

Porcentaxe
O nacionalista indicou que as axudas económicas da nova convocatoria rondarán o 65 % do gasto e subliñou que os requerimentos por parte da institución provincial para con estes concellos serán menores que as que tiñan os municipios máis adiantados. “Detectamos certos temores ao falar cos alcaldes, e con esta proposta queremos dar facilidades”, apunta. A Deputación tamén aportará persoal técnico formado aos concellos. Estes traballadores pasarán a formar parte do plantel municipal, pero mantendo “o cordón umbilical cos asesores do Plan Revitaliza da institución provincial coa fin de garantir a eficiencia do modelo”.
Durante o encontro mantido onte os representantes dos diferentes concellos adheridos mostraron a súa satisfacción pola traxectoria do Plan Revitaliza dende a súa posta en marcha, asegurando que se trata “dun programa que veu para quedar pola súa demanda social”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén estivo presente na reunión e deulle as gracias ao vicepresidente pola “súa valentía para transformar modelos que durante décadas estiveron vixentes en relación ao tratamento de residuos sólidos e que consistían na acumulación e non na recuperación”.
Os cambios que se están a implantar na Deputación estana a converter en referente europeo.

A Deputación abre unha nova liña de axudas para aplicar a compostaxe de modo gradual

Te puede interesar