“Os donos das cinsas”, unha novela en clave política cun cheque aberto á reflexión

“Os donos das cinsas”, unha novela en clave política cun cheque aberto á reflexión
Beni Yáñez presentou onte a súa novela na Librería Nobel de Vilagarcía | mercedes rolán

“Como pode enganchar unha novela que fala mal de todo o mundo?”. Esta era unha das dúbidas que o xornalista e escritor Beni Yáñez tiña na cabeza cando rematou “Os donos das cinsas”, a súa primeira novela. O autor dou as claves para entender a súa obra nunha presentación que tivo lugar na Librería Nobel e na que tamén estiveron o xornalista Fernando Salgado e Tomás González por parte da editorial.
Aínda que fala de temas que enchen a día de hoxe páxinas e páxinas de xornais, Beni Yáñez incidiu en que a obra é “fición”. Iso si, o telón de fondo que o autor elixiu para dar vida á trama é Ronsaño, unha vila inventada, pero que podería ser calquera das que se espallan pola xeografía galega. E Perfecto tamén é un político da fición, pero que bebe de seguro de moitos dos que hoxe en día ocupan postos de responsabilidade en diferentes administracións. “Na novela non deixo quedar ben a ninguén, polo que é moi difícil empatizar con algún dos personaxes e iso era algo que me preocupaba”, apunta o autor. Iso si, asegura que “houbo reaccións de todo tipo á lectura, e algúns incluso me chegaron a dicir que entendían ao protagonista”.
En “Os donos das cinsas” hai corrupción, pero sempre baixo o marco da legalidade; hai contratacións a dedo; hai funcionarios colocados en postos públicos sen pasar unha oposición e hai personaxes dispostos a calquera cousa polo poder. Como ben relatou o propio autor na presentación, unha trama que deixa entrever que ás veces “a realidade supera a fición”. E é máis, “se no mes de xullo nos entregan un guión escrito con todo o que está pasando estes días en Cataluña pensariamos que nos estaban falando de fición, e en cambio está pasando”. Yáñez apelou aos lectores do seu libro a “ser críticos” e citou a Ortega y Gasset para facer reflexionar sobre as circunstancias que levan a que un político se comporte dunha ou doutra maneira. “Yo soy yo y mis circunstancias”, como dicía o filósofo.
O certo é que en “Os donos das cinsas” hai moito de xornalismo, de actualidade, de política e de psicoloxía humana, e incluso de certa adiviñanza para determinar por qué o autor elixiu ese título para a súa novela. Fernando Salgado falou de Tom Wolf para referirse a Beni Yáñez, e asegurou como gancho para os que estaban presentes no acto que “arrea estopa a esgalla”. Unha invitación directa para ler de política na época na que só se fala de política.

“Os donos das cinsas”, unha novela en clave política cun cheque aberto á reflexión

Te puede interesar