“Encántame o galego, a pronunciación, como soa... E o acento alemán pega máis coa gheada”

“Encántame o galego, a pronunciación, como soa... E o acento alemán pega máis coa gheada”
A isleña durante a charla que ofreceu onte na EOI gonzalo salgado

A Illa é galegofalante e ía ser o seu fogar, así que cando Gabriele Frein von Hundelshausen tivo que apostar formativamente polo galego ou polo castelán veuno claro: “Serviríame para máis o galego”. Pero non só foi unha cuestión de pragmatismo; a lingua de Rosalía, Castelao... Xa a atrapara antes –ou como ela mesma di: “Peghóuseme”– igual que lle pasou coa xente, a paisaxe, o clima... Ata tal punto que esta alemá, que coñeceu Galicia traballando como voluntaria na catástrofe do Prestige, descubriu tamén a morriña e acabou establecéndose na Arousa. Ademais “encántame, como soa, a pronunciación... E o acento alemán pega máis coa gheada!”, di cun sorriso.
Onte falou de todo isto nunha charla titulada “Galego pode ser calquer@ II”, organizada polo Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía para dar a coñecer casos coma o desta alemá, xa arousana porque “me recibiron tan ben, que aínda non marchei”. E tanto, porque a educadora ambiental incluso accedeu á política e hoxe é a concelleira responsable desta materia e de participación cidadá.

Calquera pode ser galego? Que significa isto para vostede?
O título é do Equipo de Normalización, así que terían que explicalo eles, pero si me sinto reflectida nesa frase no sentido de que son antifronteiras –sepárannos máis que nos unen– e, de feito, formei parte do movemento Kein Mensch Ist Illegal (Ninguén é ilegal) polos dereitos dos inmigrantes.

Que foi primeiro, o galego ou o castelán?
En Alemaña aprendera un pouco de castelán e o empregaba para falar cos amigos da Illa. Ao principio era gracioso porque intentaban falar castelán entre eles para que entendera o que dicían, pero terminaban falando galego e “peghóuseme”. Logo decidín facer un curso e fun directamente ao galego porque vin que me ía servir para máis e encántame como soa, a pronunciación... E o acento alemán pega máis coa gheada! (ri), aínda que sigo misturando ambos.

Que opina da xente que desprecia a súa propia lingua cando hai persoas coma vostede que a falan?
No norte de Alemaña temos un idioma que falaba a miña avoa e a miña nai e eu tamén, pero que está destinado a morrer porque as novas xeracións non o empregan, e a pesar de que hai clases na universidade, investigación... Así que iso dame moita pena porque vexo moita riqueza nunha lingua propia. Aquí vexo moitos tesoros e a lingua é un deles, é un ben cultural, patrimonial, histórico que hai que coidar e promocionalo é moi importante.

A súa verba favorita en galego?
Non sei, pero quedaríame con Carreirón.

Ten vostede acento galego, detéctanllo cando volve a casa?
Noto que misturo os idiomas e hai momentos nos que me sae o galego sen querer, sobre todo cando me enfado, pero a familia non mo detecta, non, pero cando falo con hispanofalantes pregúntanme: de onde saiu ese idioma? Incluso cando procuro falar castelán porque lle meto verbas en galego e ata me teñen preguntado se son brasileña.
Custoulle moito aprendelo?
Ao principio non entendía nada e custoume, pero aprendín dunha forma moi natural, escoitando, vendo a tele... E por iso se me colou o normativo e ás veces hai palabras que lle estranan á xente de aquí.

E hoxe é concelleira de Medio Ambiente na Illa. Xa tiña adicación política no seu país natal?
Participaba activamente en colectivos, pero non tanto en partidos políticos.

Que lle animou a dar este paso en Galicia?
As políticas que se levaron a cabo nas anteriores lexislaturas, un equipo que vale e o está facendo ben e a atención que se pon en materia medio ambiental. Quería poñer o meu grao de area.

“Encántame o galego, a pronunciación, como soa... E o acento alemán pega máis coa gheada”

Te puede interesar