O Festiclown consolídase en Vilagarcía con artistas de renome internacional

O Festiclown consolídase en Vilagarcía con artistas de renome internacional
O Festiclown foi presentado onte coa actuación de “Os sete magníficos + 1” | gonzalo salgado

As actividades culturais do verán non fixeron máis que empezar en Vilagarcía. Pouco a pouco vaise debullando o calendario das próximas semanas e, como non podía ser doutro xeito, o Festiclown volve a recalar na cidade. Farao por terceiro ano consecutivo dos días 10 ao 15 de agosto e con artistas de renome internacional.
A cita presentouse onte cun amplo programa de actividades e actuacións que se repartirán por diferentes puntos do centro urbano. Así pois o Festiclown terá unha parte formativa, con obradoiros para aqueles que queiran inscribirse; outra denominada “Desclowntrol nas rúas” con actuacións variadas e con moito ritmo ao longo das xornadas que dura o festival e unha terceira que xirará en torno á Mostra Internacional, fixada para a Praza de Galicia. O Festiclown tampouco esquece o seu apartado máis social e tamén aquel que pensa nos máis pequenos da casa.
Nomes recoñecidos
O programa completo, debullado por días e horas, pode consultarse dende xa na web www.festiclown.org. Este ano desembarcarán en Vilagarcía figuras recoñecidas do clown mundical como “Tchyminigagua”, de Colombia; “Circo no Ato”, de Brasil; “Okidok”, de Bélxica e tamén nomes moi populares no circuíto do clown máis achegado como os galegos de “Desastronauts”, “Vaques” de Asturias, “Ricky Tenis” de Barcelona e “Malas compañías” de Euskadi. Tampouco faltan no cartel destacados como “Píscore”, “Circo Chosco”, “Pajarito” ou o “Mago Teto”.
O Festiclown foi presentado onte cunha gran expectación na rúa da Baldosa e coa actuación de “Os 7 magníficos + 1”. A iniciativa está organizada polo Concello de Vilagarcía, e xestionada pola empresa Culturactiva e, no seu apartado máis social, por “Pallasos en rebeldía”.

O Festiclown consolídase en Vilagarcía con artistas de renome internacional

Te puede interesar