O Fexturrón desembarca en Fexdega con tirolina e karts como novidades

O Fexturrón desembarca en Fexdega con tirolina e karts como novidades
O Fexturrón e as súas actividades foron presentadas onte no Concello | gonzalo salgado

O Nadal quenta motores en Vilagarcía e, especialmente, no recinto de Fexdega. Unha vez máis a nave da Maroma é o lugar elixido para centralizar todas as actividades infantís de Nadal, que arrancarán este sábado día 16 e se prolongarán ata o día 7 de xaneiro de maneira ininterrompida.
Así pois, e durante estas tres semanas, o Fexturrón aglutinará a actividade da pista de xeo, as atraccións de Arousa Park e as actividades de animación paralelas e totalmente gratuítas pensadas para nenos de todas as idades.
As atraccións de Arousa Park chegan este ano con algunha que outra novidade. A primeira delas é que haberá tirolina e pista de karts, dous elementos que gustan moito dos máis pequenos da casa e que non estiveran antes no Fexturrón. A maiores haberá tamén nove actividades de interior tales como os coches de choque, as cadeas ou o dragón, así como camas inchables. O prezo establecido é de seis euros por 8 tíquets. Cada atracción ten un custe dun tíquet, aínda que hai outras como a pista de karts pola que haberá que aportar tres. Os tíquets serán válidos para todas as xornadas do Fexturrón, dende o primeiro día ata o último. Dende a organización sinalan que os prezos que se ofrecen no Fexturrón están moi por debaixo dos que se poden atopar en calquera festa.
 

Pista de xeo
A maiores das atraccións do Arousa Park a pista de xeo volverá ser un dos principais reclamos do Fexturrón en Fexdega. A pista funcionará todos os días (incluso nas xornadas do 24 e do 31 de decembro, aínda que cun horario máis reducido). O prezo está fixado en seis euros por 45 minutos na pista. Os días festivos como son o 25 de decembro, e o 1 e o 6 de xaneiro a actividade no recinto será a habitual.
As actividades do Fexturrón inclúen tamén propostas de animación paralelas tales como contacontos, xogotecas ou a visita de Papá Noel entre outras. Todas elas serán totalmente gratuítas. De feito dende o goberno local apuntaban que hai posibilidades de que todos os nenos poidan acudir ao Fexturrón dado que hai “moitas opcións para facer cousas sen necesidade de gastar”.
A idea é, máis que nada, ofrecer unha alternativa de ocio para un público fundamentalmente familiar e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación.
A maiores o vindeiro luns día 18 terá lugar unha xornada especial, pola mañá, para os nenos de BATA, Con Eles, Princesa Letizia e Educación Especial.

O Fexturrón desembarca en Fexdega con tirolina e karts como novidades

Te puede interesar