“Fixemos un bo traballo durante o pico da gripe e non houbo sensación de colapso”

“Fixemos un bo traballo durante o pico da gripe e non houbo sensación de colapso”
Diario de Arousa-2015-01-31-007-3c703389

Foi nomeado xefe de Urxencias a principios de decembro e aos poucos días tivo que facer fronte ao peor pico de gripe dos últimos anos

Cómo é a situación no Hospital agora mesmo?
Estase a dar a asistencia típica do inverno. Hai ingresos en tempo e forma. Desde fai once días a situación normalizouse.

Entón que foi o que pasou neses días críticos?
Entre mediados de decembro e mediados de xaneiro houbo unha maior demanda de consultas en Urxencias. Eses picos prodúcense todos os anos, coincidindo coas epidemias de gripe, pero nesta ocasión foi máis acentuado. Se polo xeral temos unhas cen urxencias diarias de media, neste último mes houbo algunha xornada de 165 e varias de 140.

E como se actuou ante esta situación anómala?
Eu creo que dunha forma eficiente. Facían falla máis camas e buscáronse, chegamos a ter ata 130 dispoñibles, é dicir, habilitáronse máis habitacións das habituais. En Urxencias había moita xente, estabamos traballando constantemente, pero hai uns circuítos moi ben establecidos. O paciente ten contacto con persoal sanitario antes de dez minutos de entrar pola porta do Hospital e o primeiro que se lle fai é un triaxe para establecer o nivel de asistencia, é dicir, se pode ser esperar o ten que ser atendido antes, e se require camilla ou pode pasar aos boxes de exploración. Foi moi importante a colaboración dos internistas, que desde as once de mañán estiveron valorando os ingresos, o que nos xera a posibilidade de atender máis xente. En ningún momento tivemos a sensación de estar colapsados. Non se deixou de atender a ninguén por non ter onde atendelo. É verdade que as demoras foron algo máis longas pero aínda así a media da demora de asistencia en decembro foi de 25 minutos, que iso non é nada.

E sobre as queixas polo peche da terceira planta...
Eso sona un pouco como se a inhabilitaran. O que se fai é unha restruturación dos recursos do Hospital. Naquel momento, creo que era un venres, pola demanda que había non era necesario que todas as camas estivesen hábiles pero 24 horas foi necesario abrila. A orde chegou a media mañá e ás tres da tarde xa estaba aberta porque estaba programado que se fixera así.

Hai escasez de medicamentos no Hospital do Salnés?
De forma xeral non. Houbo algún problema puntual de medicamentos que quedamos desabastecidos, pero non estivo relacionado coa farmacia directamente senón co laboratorio, que non os surte. As situacións puntuais solucionáronse no día enviándose por transporte urxente desde Pontevedra.
En resumo, o Hospital está preparado para este tipo de picos?
Todo se pode mellorar. Os traballadores estivemos por riba do 100 durante 24 horas durante moitos días. Estou a falar desde administrativos a enfermeiros, celadores, auxiliares, médicos, especialistas... Botáronnos unha man os pediatras, os ciruxanos... Todos colaboramos. Houbo erros puntuais, pero iso é inevitable nestes casos. No futuro se a situación é como ata agora poden estar tranquilos os cidadáns. Tamén quero dar as gracias aos pacientes a os acompañantes porque nos viron traballar correndo, mover aos enfermos, como buscabamos sitios para atendelos e, salvo casos puntuais, non houbo ningún conflito nin protesta.

“Fixemos un bo traballo durante o pico da gripe e non houbo sensación de colapso”

Te puede interesar