Gardacostas requisa máis de 220 quilos de marisco entre Sanxenxo e O Grove

Gardacostas requisa máis de 220 quilos de marisco entre Sanxenxo e O Grove
Parte do marisco comisado nos operativos de Gardacostas | cedida

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, requisaron máis de 200 quilos de distintas especies de marisco nun punto ubicado entre San Vicente e Sanxenxo no que tivo lugar un dos operativos máis importantes da ría de Pontevedra. Neste punto comisáronse máis de 70 quilos de centola, 34 quilos de mexillón, 18 de nécora, catro de ameixa xaponesa, catro de ostra, dous de camarón e un de lumbrigante que foran extraídos de xeito ilícito. A este dispositivo sumouse un control conxunto por estrada dos gardacostas con efectivos do Seprona da Garda Civil que se saldou con preto de 90 quilos de centola requisados a dous vehículos. Ordeouse o comiso ao carecer a mercancía dos documentos que avalasen a trazabilidade.

     Na Ría de Arousa tamén se levaron a cabo diversos operativos que permitiron comisar máis de 70 quilos de distintas especies de peixe e marisco, así como a incautación de 300 metros de artes de enmalle e un volantín ilegal.

     Nos diferentes operativos que os axentes de Gardacostas levaron a cabo en distintos puntos do litoral galego requisáronse en total preto de 1.200 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 150 útiles e 800 metros de artes de enmalle. A maior parte dos comisos realizados polos axentes foron devoltos ao mar. É destacable que preto de 1.000 quilos dos produtos requisados foron de centola coincidindo co inicio da campaña de extracción deste recurso  -iniciada o pasado 9 de novembro- nas provincias de A Coruña e Pontevedra.

Gardacostas requisa máis de 220 quilos de marisco entre Sanxenxo e O Grove

Te puede interesar