Gaspar González: “Liñas vermellas? Uns orzamentos cun 40 % de recorte para Galicia coma os de Sánchez son liña vermella”

Gaspar González: “Liñas vermellas? Uns orzamentos cun 40 % de recorte para Galicia coma os de Sánchez son liña vermella”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-44cf40f4

Gaspar González Somoza saltou á primeira liña da política hai catro anos nas eleccións municipais conseguindo un concelleiro para Somos Maioría. Coa bagaxe de todo o aprendido neste mandato conforma o equipo de En Marea coa mirada posta no Congreso tras os comicios do vindeiro domingo. González Somoza fala de Galicia, da importancia de que en Madrid se teña en conta a realidade dos galegos e do decisiva que pode ser a súa formación despois dos resultados do día 28. 

Por qué En Marea? 

Pois porque En Marea é un proxecto daquí, da casa, e co que penso que se pode ter mellor resultado para varrer para a casa. Houbo un senador do PSOE e un parlamentario do PP en Vilagarcía nesta lexislatura en Madrid e non fixeron absolutamente nada.  O noso proxecto é o que mellor pode defender a Ría de Arousa, a protección da ría, a xestión de costas e os sectores produtivos... 
 
Hai xente que non ten moi claro se a quen van votar é a En Marea do Parlamento de Galicia, se a En Marea destes catro anos... As escisións pasaron factura...

O noso traballo agora é diferenciarnos, identificarnos na rúa, presentar proxectos e ideas e que esas ideas se asocien a En Marea. Non é que non nos entendamos, senón que é unha forma de facer a escolla diferente. Eu creo que a diferencia fundamental está no concepto de idea de país. Claro que En Marea ten que ser un proxecto que defenda os intereses daquí, pero dende aquí, non dende Madrid. Esa outra forza coa que houbo un entendemento quere decidir dende fóra e nós non estamos dispostos a iso.

Está En Marea decepcionada polo traballo realizado nesta última lexislatura que finalmente acabou sen a confluencia coa que se iniciou?

Decepción non é, lográronse cousas. Nós temos as ideas claras. Alexandra Fernández votou en contra dos orzamentos do PSOE que recortaban para Galicia un 40 % do investimento. Dende aquí non queremos iso. Decepción? Vale, si. Se acabas unha lexislatura e te das por satisfeito en todo é porque non fixeches ben as cousas porque sempre se pode esixir máis. Non sei se decepcionados é a palabra que máis se acerca...

Hai formacións que falan de que a voz de Galicia non se escoitou estes anos en Madrid...

Ese voto en contra de Alexandra do que falaba é unha mostra de todo o contrario. Se outras forzas din que non se escoitou a voz de Galicia terán os seus motivos, pero eu penso que están enganados.

Vai ser a voz de Arousa no grupo de En Marea. Cales son as prioridades marcadas na súa axenda?

A defensa da Ría é básica; a xestión de Costas para poder tomar medidas porque agora as competencias non están transferidas e a defensa dos sectores produtivos.  O do cuartel? Tamén. E é algo que non entendo. Están os terreos aí dende cando? Teñen o sitio... Por que non?

O que está claro é que En Marea pode ser decisivo á hora dos pactos despois do día 28. Hai liñas vermellas á hora de posibles alianzas?

Pactar liñas vermellas uns días antes de que se celebren as eleccións é un pouco difícil. Nós dende logo hai cousas coas que non imos estar dacordo. Uns orzamentos coma os que quería aprobar o señor Sánchez cun 40 % de recorte... dende logo iso en Galicia non. Quéreslle chamar liña vermella? Ben, é unha liña.

Cre que En Marea pode chegar a acordos con outras forzas nacionalistas tras os comicios do domingo? É posible reconducir ese camiño que agora non é común?

Eu espero que si. A política baséase no diálogo, ou debería. Eu espero que se poida chegar a un acordo con todas as forzas progresistas.

Estamos nun momento de evidente crispación. Cre que iso pode influír en que a xente non vote?
Hai máis dun 40 % de indecisos, si, pero que a crispación se traduza en “non voto” paréceme un erro. Se ti non estás dacordo con quen está gobernando dálle a oportunidade a outros. Miras os programas e analizas para poder emitir o voto. Estar cabreado e non ir votar é un erro.

Ao seu xuízo cal cre que é a lei que debería ser derogada e cal aprobada de inmediato nada máis constituírse un novo goberno?

A primeira que botaría abaixo? Hai tantas... a Lei Mordaza paréceme terrible e a Reforma Laboral un tanto do mesmo. Calquera das dúas. E a primeira que aprobaría? Pois sería facer determinadas transferencias aquí a Galicia para poder xestionar cousas e xestionar o noso dende a casa.

Gaspar González: “Liñas vermellas? Uns orzamentos cun 40 % de recorte para Galicia coma os de Sánchez son liña vermella”

Te puede interesar